PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Malia estar amparadas pola protección de datos
O PP pide imaxes da marcha de Pontevedra

Redacción .  O PP de Pontevedra –que reduciu a 3.500 os manifestantes que participaron na manifestación do pasado venres en defensa da capitalidade– pediulle ao Goberno local imaxes da marcha 'con data e hora' supostamente para calcular o número de asistentes, que a organización cifrou en máis de 40.000. A socialista Teresa Casal preguntouse se o PP quererá as fotos 'para pasar lista vendo que militantes estaban na rúa' e o concelleiro Demetrio Gómez lembrou que as imaxes captadas polas cámaras de vídeo das rúas públicas 'están amparadas pola Lei de Protección de Datos'.

Reloxo 25.06.2009 | 13:28

A cabeceira da manifestación en Pontevedra polo estatus de capital provincial A cabeceira da manifestación en Pontevedra polo estatus de capital provincial Nos últimos días, o PP de Pontevedra insistiu en pedirlle ao Goberno local as imaxes “con data e hora” da manifestación celebrada na cidade o pasado venres 19 de xuño en defensa da capitalidade e na que se reclamou a supresión da “superdelegación” da Xunta en Vigo.

Os populares teiman en rebaixar a cifra de participantes dos máis de 40.000 que cifrou a organización aos 3.500. Para o PP “manipúlanse as cifras dun xeito esaxerado”. O concelleiro conservador Xacobe Moreira acusou os organizadores de empregar “o vello truco de multiplicar por dez o número real de asistentes, para deixar que despois se consolidase na metade”. Os populares argumentaron que a cifra dos 40.000 asistentes “sería incompatíbel con que o PP tivese tan bos resultados nas eleccións europeas”.

“Quere o PP identificar militantes que participaron na marcha?”

Para o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, o PP “está fóra da realidade pontevedresa” cando nega o éxito da manifestación. Lores chanceou con que “3.500 eran parte dos afiliados, simpatizantes e votantes do PP que ían na manifestación. A eles habería que sumar os das outras forzas políticas”

A súa socia de Goberno, Teresa Casal ironizou con que o PP fai espionaxe co cento de fotografías que di dispoñer da manifestación. “Este dato si que chama a atención. Quererán as fotos para pasar lista vendo que militantes do PP estaban na rúa?”, preguntouse.

O bipartito pontevedrés subliña que o éxito da protesta é “incuestionábel”. De ía que sitúe a derrogación do decreto da Xunta no primeiro punto das demandas que entregará o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, durante a visita institucional de mañá, venres.

Imaxes amparadas pola lei de protección de datos

Na manifestación do pasado venres, a Policía Local ofreceu datos en bruto para a súa valoración posterior por parte dos medios de comunicación a partir da superficie que ocupaban os asistentes á marcha –13.567 metros cadrados–.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Demetrio Gómez, reclamoulle ao presidente do PP local, Telmo Martín que “desautorice” a valoración formulada polo seu grupo municipal sobre a manifestación. Gómez defendeu o traballo da Policía, que foi “moi profesional” e insistiu en que os populares deben “pedirlles desculpas” as forzas de seguridade por “poñer en dúbida” a información facilitade.

O edil apuntou ademais que as imaxes captadas pola Policía das cámaras instaladas na vía pública están amparadas pola lei de protección de datos e o seu visionado está moi restrinxido, así como a súa difusión. Gómez apuntou que existe un "estricto protocolo" para poder acceder ás imaxes grabadas por estes dispositivos situados nas rúas. Con todo, sinalou que Telmo Martín, "como concelleiro desta corporación" pode ter acceso a estas imaxes "sempre e cando o solicite formalmente e se someta a un protocolo previsto". O edil dixo que a solicitude de Martín ten que dirixirse ao xefe da Policía Local.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río