
Limpafontes e xestas do Matalagartos dándolle cor gama de grises.
A formación política da xuventude, durante a Transición, levounos a repetir até o aburrimento que todo é política, tamén a ecoloxía e o medio ambiente. Quizais a insistencia en tal afirmación podería ser un dos motivos da despolitización da xuventude/sociedade actual.
Máis, é tan aborrecida frase anterior para algúns como para outros de nós a máxima contemporanea de: non soportar que se politice todo, e moito menos o medio ambiente. Dende logo que este pode ser un pensamento respectábel mais a súa xeneralización marca o máis acelerado camiño cara á degradación da vida política, de calquera signo ou condición, para situarse... á marxe?... non, á marxe non, senón no centro do sistema, na peor politización posíbel, é dicir, a do individualismo radical onde a máxima imperante é: que o fagan outros por min.
Auschwitz amósanos como o deixar facer aos demais, ignorando todo o que acontece ao redor dun, pode conducir á catástrofe de toda unha sociedade.
Abro paréntese para definir termos. Como simpatía podería dicirse da inclinación afectiva, o apoio e a aprobación a respecto das accións dos demais, con independencia do noso propio interese, fronte á aversión que supón a antipatía. Como empatía podería dicirse da capacidade para poñerse no lugar dos demais, fronte ao odio da misantropía.
Seguramente engadindo unhas gotas de cada no crisol da iniciativa persoal de cada un, poderiamos ir analizando afinidades e sensibilidades ao noso redor, poderiamos ir atopando xeitos de cooperación e motivos para facelo, obtendo como resultado a participación nun oco, aínda que sexa pequeno, do complexo tecido social que forma o tear de Penélope, mil veces cosido e descosido. A poder ser nun oco verde, ou verde por fóra e vermello por dentro, no cartapacio da gaveta política titulado: ecoloxía.
Porque entre o todo e a nada sempre hai unha ampla gama de grises. Por se non se notase, este é un chamamento á participación política e ambiental, ou ambas.
Descargar Tarifas