
Penso, logo existo... unha das máximas de Descartes semella non estar executándose de xeito colectivo no noso país. A aposta pola negación do propio, que dende as novas institucións se está a impulsar vestindo esta de modernidade e actitude cosmopolita, non deixa de ser a vangarda ou punta de iceberg dunha problemática estrutural na que está en xogo o noso encaixe no século XXI. Os representantes públicos non emerxen por xeración espontánea, son expresión da vontade popular que “democraticamente” por unha banda ou coa insubmisión á participación por outra deciden ou non deciden quen debe ter a responsabilidade de desenvolver ese labor. Nese senso, ben sexa por decisión, exclusión ou omisión, un non está en disposición de discutir con garantías que a posición de negación que mantén o actual goberno da dereita no país, en temas fundamentais, non sexa unha posición consistente, cun importante apoio social. Cómpre, polo tanto, entender que independentemente do debate político nas institucións nas que o nacionalismo de esquerdas debe defender “nin un paso atrás” nas conquistas sociais e identitarias acadadas nos últimos tempos, é importante incidir no corpo da cidadanía que definitivamente consolida co seu voto ou a súa inhibición esta especie de suicidio colectivo. O traballo que debemos realizar ten que ir mais aló da presenza sen ambigüidades nas mobilizacións ou conflitos que agromen durante este tempo (lingua, metal e sector lácteo por exemplo). Como complemento a esa posición cómpre realizar un esforzo de sedución que reverta máximas empobrecedoras consolidadas durante estes últimos meses. Nese senso debemos apostar pola diversidade, valorizar a lingua como algo que suma, non criminalizar xustos movementos reivindicativos por actuacións puntuais e reprobábeis duns poucos, defender en público os nosos dereitos civís que, en relación ao idioma, son negados sistematicamente no noso país (ensino, medios de comunicación, xustiza, administracións públicas...) e vencellar neste traballo referentes sociais na creación de opinión e na defensa destes principios que, dende posicións independentes, revertan a terríbel carga de profundidade que temos colocada debaixo dos pés.
Para acadar iso, resulta imprescindíbel que, independentemente de leais discrepancias sobre o proxecto estratéxico do nacionalismo, exista unha aposta conxunta baseada nun común denominador que permita proxectar aos nosos referentes individuais e colectivos na sociedade unha mensaxe nidia, atractiva e contundente. Ninguén sobra para reivindicar as coordenadas que como ser colectivo teñen que colocarnos no mundo e moito menos para incidir nunha sociedade que está definindo o seu ser ou non ser, agás aqueles que pensen que resulta unha opción de futuro repartir as cinzas do que algún día fomos.
Descargar Tarifas