Redacción . Esta tarde, a partir das 20.00 horas no Castelo de Soutomaior, farase entrega dos Premios Peña Novo 2009, que nesta edición recaen sobre o Concello da Estrada, o estaleiro H.J. Barreras e sobre o psiquiatra Emilio González Fernández.
A Fundación Lois Peña Novo entrega esta tarde no Castelo de Soutomaior, ás 20.00 horas, os premios que recoñecen a actividade en defensa e promoción do galego de persoas, institucións, empresas ou organismos. Nesta XV edición dos Premios Peña Novo foron galardoados o Concello da Estrada, o estaleiro H.J. Barreras e o psiquiatra Emilio González Fernández. Segundo recolle a acta do xurado, o Concello da Estrada recibe o recoñecemento “polo seu compromiso iniciado no ano 1984 coa normalización lingüística na xestión administrativa e nomeadamente, tamén, por ter demostrado na práctica que a galeguización da vida municipal é posíbel, desexábel e agradábel desde todas as opcións políticas”. O xurado salienta o impulso que o Concello da Estrada ten dado ao longo de todos estes anos “á recuperación de figuras egrexias que transcende o marco local e creou un clima favorecedor para a aparición doutras brillantes iniciativas galeguizadoras autónomas”. Membros do xurado O xurado desta XV edición está conformado polo académico da RAG e escritor, Xesús Ferro Ruibal, polo médico e escritor, Pablo Vaamonde García, polo director do Instituto Galego de Análise Documental (IGADI), Xulio Ríos, pola xuíza de Marín, Sandra Piñeiro Vilas, polo secretario de Administración Local e escritor Gonzalo Amoedo López e pola secretaria da fundación Lois Peña Novo, Carme Pérez.
Castelo de Soutomaior
Do estaleiro H.J. Barreras destaca “o compromiso público" coa lingua galega, "que identifica a nosa identidade coas tecnoloxías de vangarda”. O tribunal considera que “o prestixio internacional deste estaleiro resulta beneficioso para unha lingua como a galega porque evidencia que é unha lingua versátil e capaz para vehicular unha actividade empresarial moderna”. Valora tamén o exemplo que lle dá ao resto das empresas do noso país.
Por último, o xurado premia o médico psiquiatra Emilio González Fernández “pola súa traxectoria profesional na que sempre utilizou a lingua galega na relación médico-paciente”. O xurado valora que o doutor “non reduce a utilización do galego a usar un repertorio de palabras senón que considera a lingua como vehículo dun mundo cultural que o paciente ten dentro e que o acceso a ese mundo cultural é o único que permite estabelecer un diagnóstico certeiro e desencadear unha terapia eficaz”. “O valor terapéutico da lingua do paciente é aínda unha novidade científica que non sempre percibe a medicina convencional pero que continúa o traballo de predecesores como Rof Carballo, López Nogueira ou García Sabell”, recolle a acta.
Descargar Tarifas