
O novo museu da Acrópole de Atenas
1 / 2
No relato, as personaxes visitan un Museo en Creta inzado de obxectos que representan a cultura occidental, a dos países “centrais” dominantes.
A idea é acumular tal patrimonio que obrigue aos gobernos dos EEUU, Gran Bretaña, Alemaña, Francia, etc a devolver os espolio roubado da arte clásica grega ao longo de séculos de “expedicións” colonialistas.
Ven a conto isto porque un museo reivindicativo do patrimonio acaba de ser inaugurado no Partenón de Atenas.
Aquí podedes ver algunhas webs que abordan o tema:
http://www.estadao.com.br/noticias/vidae,museu-grego-quer-ter-marmores-de-elgin-de-volta,390048,0.htm"
http://www.dw-world.de/dw/article/0,,4412203,00.html
http://www.youtube.com/watch?v=9Tcp1C2mVZ0
Fragmento do Capítulo XV de "Espiral de lideiras"
“Sen norte, deambulei pola intricada rede de salas do museo, podendo comprobar, con sorpresa, que non había alí nin un miserábel friso micénico, nada de bustos cretenses, nin farrapos de gaita tesálico-dionisíacos. Moito pola contra, as salas estaban inzadas de pezas singulares da arte clásica británica, francesa e alemana e de pastiches neoclásicos norteamericanos. De feito, as autoridades da illa levaban décadas conseguindo as alfaias nas subhastas internacionais ou, de xeito encuberto, mercándollelas por prezos de risada aos tratantes de arte, aos traficantes e aos bandidos que espoliaban, con metódico rigor, as igrexas, mausoleos, museos e propiedades privadas do corazón do imperio. De maneira tan singular ían compondo, de vagar e con teimosía, aquel acervo cultural do primeiro mundo que pasaba xa por ser o máis importante do globo terráqueo, enriquecido polas últimas adquisicións dos Boscos, Tintorettos, Koplowitz e Tizianos, que caeran hai ben pouco.
Vagaba dun andar a outro e, en cada espacio, deparaba cun descubrimento notábel. Nas amplas escadas, entre o 13º e o 14º andar, puiden contemplar a estatua -impoñente nos seus seis metros de envergadura- de Abraham Lincoln sentado, adquirida ao Lincoln Memorial de Washington, antes da destrucción do edificio.
A auténtica guillotina coa que rabuñaron a cachola do rei sol compartía sala coa cadeira eléctrica que dera cabo de máis de douscentos negros en California, na época de Bush fillo, o moderado, coma gobernador.
As carcasas da bomba atómica que destruíra Hiroshima, os restos do carro onde se esnafrara Fangio, xunto ao Mercedes de Lady Di e doutras xoias da cultura e da arte occidental dos países adiantados, poboaban os milleiros de expositores do museo. A intención dos promotores da iniciativa institucional era clara: resgatar de volta para Grecia os tesouros clásicos roubados durante séculos de colonialismo. Co tempo, matinaban propor unha troca, semellante ás que se facían antes, nas fronteiras e nas pontes da guerra fría, entre espías capturados. De ter suceso o empeño, O British Museum, o Louvre,o Metropolitan, O Vaticano e a Gliptoteca de Munich ficarían baleiros, con certeza.
(...)
Moita xente tende a pensar que os Estados Unidos de América non teñen pezas que aportar a un museo especializado en divulgar a cultura clásica dos países desenvolvidos. Unha nación nova, din, con só cinco séculos de historia, non pode producir pezas representativas de alto valor simbólico e universal.
Trátase dun xuízo precipitado, que falta rigorosamente á verdade. Deixando á marxe o carácter eurocéntrico de considerar que, previa á colonización europea, no continente americano non había “nada”, o que é unha auténtica aberración, as 22 primeiras plantas do museo mostraban irrefutabelmente que os norteamericanos si que teñen moito que mostrar ao mundo sobre o seu ser cultural.
Por citar algún exemplo, no sétimo andar estaba unha parte da fábrica de pesticidas da Union Carbide Corporation en Bhopal, a capital de Madhya Pradesh, un dos estados máis pobres e superpoboados da India onde, en Decembro de 1984, unha fuga de 40 toneladas de metiloisocianato matou a 6.903 persoas, feriu a 20.000 e afectou a 850.000. A compañía estadounidense indemnizou aos familiares dos mortos con douscentos corenta euros, ao cambio. Unha das pezas máis apreciadas polo público no recinto era o circuíto de refrixeración da fábrica, que os directivos da Union Carbide ordenaron desactivar antes da catástrofe para recortar gastos, uns quince euros diarios.
Tamén causaba admiración a sala dedicada ao Ku Klux Klan, un grupo de asasinos actuante de forma continuada desde 1865. Refundada en Georgia por un antigo pastor metodista, o coronel William Simmons, coa denominación de Imperio Invisíbel, proclamaba no seu programa de 1915, cuxo orixinal constituía unha peza de grande valor que se podía contemplar nos mostradores do museo, o seu obxectivo de asegurar a supremacía branca contra os negros, xudeus, católicos, sindicalistas, hispanos e maricas. Na súa época de máximo esplendor, nos anos 20, chegou a contar con tres millóns de afiliados, pois nos States todo é grande, inclusive os grupos terroristas do nacionalismo branco. Nese espacio proxectábase, permanentemente, o rolo orixinal de O nacimento dunha nación, o filme de David Griffith, o máis importante dos primeiros tempos de cinema, segundo a opinión unánime da crítica especializada. Esta obra de 1915, que estableceu as bases da linguaxe cinematográfica moderna, é un canto de louvanza ao K-K-K. Impulsou o odio aos negros e axudou á difusión das ideas racistas aínda vixentes.
Se un tivese un pouco máis de paciencia, tería recorrido unha a unha as salas onde ficaba patente a acción humanitaria da CIA e do FBI, dos exércitos ianquis, do Departamento de Estado e doutras entidades benéficas, no seu empeño por levar a auténtica cultura, liderada pola Coca Cola, por Hollywood e McDonald’s, o progreso da Microsoft, a democracia da Standard Oil e a noción de civilización da familia Bush aos países bárbaros da periferia, que eran todos, agás os propios EEUU. Fose eu un pouco máis morboso, inspeccionaría as salas monográficas adicadas ás invasións americanas de México (1846), Haití (1915 e 1994), Nicaragua (1912, 1926 e a montaxe da Contra desde 1980), Guatemala (1954), Cuba (1961), Santo Domingo (1965), Vietnam (1961), Camboxa (1970), Granada (1983), Panamá (ininterrompida desde 1907, repetida en 1990) por citar só algúns casos.
Máis recentes eran os espacios que recollían a acción estadounidense no Iraq (1993), no Afganistán, o seu sostén ao xenocidio de palestinos no Oriente Medio, as variadas aventuras balcánicas na Europa central...
De conseguir controlar a aversión que producía toda presencia funeraria, un pasearíase pola zona comprendida entre as plantas 12 e 16, nas que diversas vitrinas mostraban un refrito de obxectos, símbolos da contribución pacificadora do país norteño á orde mundial, como as mans amputadas do cantautor Víctor Jara, trucidado polas tropas do xeneral Augusto Pinochet durante o golpe de estado -coordinado por Henry Kissinger- que derrocou ao presidente constitucional chileno Salvador Allende, as armas homicidas do primeiro ministro iraniano Ali Razmara, asasinado en 1951, e a do rei Faisal da Arabia Saudita, morto en 1975, ambos por encomenda das transnacionais petroleiras estadounidenses, a do presidente de Nixeria, Rifai Mohamed Murtala, en 1976, a do presidente do Congo, Marien Ngouabi, en 1977...
Unha chea de documentos expúñase no 17º andar, ilustrando a intervención dos EEUU nos infinitos golpes de estado e conseguinte implantación de dictaduras no mundo enteiro, sempre co louvábel obxectivo de exportar a liberdade e os avances representados polas mercadorías made in USA na consolidación da paz e da democracia que esas dictaduras sanguinarias garantían, como a de Rojas Pinillas na Colombia, a de Pérez Gimenez na Venezuela, a de Batista en Cuba, Jorge Videla na Arxentina, Bordaberry en Uruguai, Odria e Manuel Prado en Perú, Hugo Banzer na Bolivia, Stroessner, o anfitrión dos derrotados nazis, en Paraguai, Castelo Branco en Brasil, e non seguimos pois non chegarían as árbores da fragua de Cecebre para fabricar o papel onde imprimir tan quilométrica lista.
Dentro das vitrinas, era doado contemplar outros tributos dos EEUU á cultura moderna, coma o prototipo das bombas de napalm e as do factor laranxa, tan útiles na época da invasión de Indochina, o primeiro quilo de ántrax fabricado nos laboratorios especializados na guerra química do Pentágono, os experimentos sobre os seus propios pilotos que trouxeron como consecuencia o chamado síndrome do Golfo, cando dos bombardeos ao Iraq, en fin, unha interminábel manchea de productos tipicamente americanos.
(...)
Inglaterra, así mesmo, estaba moi ben ilustrada, uns niveis máis arriba. Unha peza chave era o mascarón de proa do God Save the Queen, o navío negreiro orgullo do imperio británico, conservado en perfeito estado pola Royal Navy a modo de obxecto de culto, símbolo dun pasado glorioso que tal vez teñamos xa de regreso, agora nas mans socialdemócratas ou conservadoras, que tanto ten, da súa flota de bombardeiros, empeñada en impartir o lume da xustiza dunha raza superior por terra, mar e aire, dobregando así ao diabo islámico.
Milleiros de escravos africanos atravesaron o Atlántico naquel nobre barco, camiño das plantacións de cana de azucre e algodón das colonias americanas –os que tiñan sorte, claro, xa que a metade deles eran exterminados na travesía, servindo de alimento á fauna predadora do fondo dos mares-, antes de que os ingleses se convertesen nos principais inimigos do tráfico de escravos, ao descubriren a bicoca da man de obra proletaria durante a Revolución Industrial, moito máis barata, eficaz e integrada nas novas necesidades da producción fabril.
Non especificaremos aquí o importante acervo cultural da Francia e da Alemaña presentes no edificio, non citaremos nin a Bayer nin os experimentos de Mengele, pois estas páxinas non son un novo e necesario xuízo de Nurenberg. Quen teña curiosidade por saber máis, que consulte a páxina WEB da institución cretense.
(...) os xestores da institución recibiran ofertas de revenda ou, no seu defeito, de intercambio polos frontóns do Partenón, secuestrados no Museo Británico de Londres, máis a Victoria de Samotracia, capturada polos piratas do Louvre. Non houbo acordo pois a súa posición era de sobra coñecida: só aceptarían unha negociación global, con vistas a recuperar todo o patrimonio espoliado polas grandes potencias artístico-militares.”
Descargar Tarifas