Redacción . O escritor albanés obtivo o Premio ao que optaban trinta e unha candidaturas procedentes de vinte e cinco países, nas últimas roldas de votacións do xurado, competindo co holandés Cees Noteboom, o italiano Antonio Tabucchi, o británico Ian McEwan e o checo Milan Kundera.
A acta do xurado, á que deu lectura o seu presidente, o director da Real Academia Española, Víctor García de la Concha, destaca que o autor premiado "narra con linguaxe cotiá, pero chea de lirismo, a traxedia da súa terra, campo de continuas batallas". Salientou que o escritor albanés, candidato en varias ocasións nos últimos anos a este galardón, así como ao de Comunicación e Humanidades e ao Nobel de Literatura, dá vida nos seus libros "aos vellos mitos con palabras novas" e expresa "toda a pesadumbre e a carga dramática da conciencia". Entre as candidaturas descartadas polo xurado ao longo das súas deliberacións figuraban tamén as do uruguaio Eduardo Galeano, o xaponés Haruki Murakami, a canadense Alice Munro, a mexicana Elena Poniatowska e a húngara Agota Kristof. O premio das Letras foi para autores e autoras coma José Hierro, Juan Rulfo, Ángel González, Mario Vargas Llosa, Camilo José Cela, Claudio Rodríguez, Carlos Fuentes, Francisco Umbral, Günter Grass, Augusto Monterroso, Doris Lessing, Arthur Miller, Susan Sontag, Paul Auster, Amos Oz e Margaret Atwood, que o gañou en 2008.
Ismail Kadaré
Segundo o xurado, o compromiso de Kadaré ten as raíces na gran tradición literaria do mundo helénico, "que proxecta no escenario contemporáneo como denuncia de calquera forma de totalitarismo e en defensa da razón". O galardón, dotado con 50.000 euros e a reprodución dunha figura deseñada por Joan Miró, é o sexto que se resolve este ano tras os das Artes (Norman Foster), Cooperación Internacional (Organización Mundial da Saúde), Ciencias Sociais (David Attenborough), Comunicación e Humanidades (Universidade Nacional Autónoma de México) e Investigación Científica e Técnica, que foi para os enxeñeiros Raymond Tomlinson e Martin Cooper. Serán entregados a finais de outubro por Felipe de Borbón no Teatro Campoamor de Oviedo.
Descargar Tarifas