PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Anxo Lorenzo participou no seu deseño
Filoloxía española e galega, nun mesmo grao

Redacción .  A partir do vindeiro curso 2009-2010, os alumnos e alumnas que queiran cursar estudos de galego na Universidade de Vigo terán que estudar tamén o español. A institución viguesa vén de anunciar que impartirá desde setembro o Grao de Estudos de Galego e Español.

Reloxo 24.06.2009 | 07:28

Unha imaxe do campus da Universidade de Vigo Unha imaxe do campus da Universidade de Vigo. Usu Ao non acadar a cifra mínima de 25 estudantes fixada pola Xunta para a supervivencia de títulos universitarios, a Universidade de Vigo viuse na obriga de reestruturas a Filoloxía Galega e a Filoloxía Hispánica nun só grao. Desde setembro, os alumnos e alumnas que queiran estudar unha das dúas linguas terán que matricularse no chamado Grao en Estudos de Galego e Español, que a partir do terceiro curso se divide en catro módulos (lingua galega, lingua española, literatura galega e literatura española).

Ademais, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo impartirá tamén o Grao en Linguas Estranxeiras, con inglés, francés, alemán e portugués, e o Grao en Tradución e Interpretación.

Participación de Anxo Lorenzo

Segundo a web da Facultade, os obxectivos do Grao en Estudos de Galego e Español son “a formación en lingua e literatura galega, lingua e literatura española e a análise contrastiva entre as dúas linguas oficiais de Galicia e as súas literaturas”.

Na elaboración deste novo título participaron os departamentos de Lingua Española, Literatura Española, Filoloxía Galega e Latina, e a área de Lingüística. O profesor e actual secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou no deseño do grao como profesor de Filoloxía Galega e coordinou un dos másters que se implantarán en setembro sobre política lingüística.

Galego e portugués nunha mesma titulación
Pola súa banda, a Universidade da Coruña (UDC) tamén vén de informar a evolución das súas filoloxías a graos para se adaptar ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). A institución coruñesa avogou por unir nun mesmo grao galego e portugués, o que deu lugar ao Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, que será impartido desde o novo curso e que vén substituír a Filoloxía Galega.

A UDC crea ademais o Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e o Grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios.
A USC mantén Filoloxía Galega
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) decidiu non unir os estudos de Filoloxía Galega con ningunha outra lingua. Así, a institución compostelá ofertará o curso que vén o Grao en Lingua e Literatura Galega. Tamén se poderán cursar na USC os graos en Lingua e Literatura Española, en Lingua e Literatura Inglesa, en Linguas e Literaturas Modernas e o Grao en Filoloxía Clásica.

Até o de agora, a USC era a universidade galega que máis filoloxías ofertaba, Licenciatura en Filoloxía Alemá, Licenciatura en Filoloxía Clásica, Licenciatura en Filoloxía Francesa, Licenciatura en Filoloxía Galega, Licenciatura en Filoloxía Hispánica, Licenciatura en Filoloxía Hispánica (Lugo), Licenciatura en Filoloxía Inglesa, Licenciatura en Filoloxía Italiana, Licenciatura en Filoloxía Portuguesa e Licenciatura en Filoloxía Románica.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río