Redacción . A CIG-Ensino presenta hoxe un recurso contencioso-administrativo contra o decreto de Educación Infantil, publicado onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), por 'incumprir' a normativa sobre o uso do galego no ensino.
Estudantes nunha aula.
A central nacionalista volveu denunciar, como fixo o luns na Mesa Sectorial na que se debateu a orde de avaliación de infantil, que a "única modificación" introducida polo actual goberno do PP no decreto elaborado pola anterior consellaría "é un ataque máis á lingua", polo que hoxe presentará recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).
"Non recolle o que estabelece a actual lexislación en vigor, que si recollía o borrador modificado polo Consello da Xunta", destacou a CIG-Ensino.
Así, o borrador do decreto de infantil que lle pasara a consellaría á Mesa Sectorial sinalaba, segundo sinalou a central sindical, que na "etapa de educación infantil o profesorado utilizará no aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua da contorna e coidará que o alumnado progrese no coñecemento da outra lingua oficial de Galicia". Engadiu que no caso "de contornos castelanfalantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensino será, como mínimo, igual á da lingua castelá".
Modificación
Con todo, o sindicato nacionalista reprochou que o actual Goberno do PP na Xunta, modificou este apartado que, segundo publica o DOG, "na etapa de infantil o profesorado utilizará no aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua da contorna e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa".
Por iso, a CIG considerou que esta modificación "infrinxe" o actual decreto de normalización lingüística, "que continúa en vixencia", segundo precisou o sindicato.
"Esta é unha involución máis das moitas que o novo Goberno está perpetrando contra o idioma, cunha urxencia esaxerada, que non practica para pór en marcha medidas que no seu programa electoral figuraban como prioritarias, como a redución de cocientes a 15 alumnos por aula", concluíu.
Descargar Tarifas