Redacción . A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria presentou a implantación, desenvolvemento e avaliación do segundo ciclo de educación infantil de Galiza, para nenos de 3 a 6 anos, obviando o decreto que regula o uso do galego no ensino e que está en vigor. A CIG-Ensino critica que a Xunta 'inicie a negociación dunha orde que emana do Decreto de Educación Infantil, cando este aínda non está publicado no DOG'.
Crianzas nunha actividade exterior.
Na mesa sectorial celebrada o onte, Educación presentou a orde que recolle as liñas de actuación no segundo ciclo de educación infantil. O documento nin sequera menciona o decreto que regula o emprego do galego no ensino e que actualmente está en vigor. Segundo denuncia a CIG-Ensino os novos textos contradín a actual norma da lingua.
O borrador do Decreto de Educación Infantil que pasara pola Mesa Sectorial no seu día dicía que: “na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado progrese no coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá”.
Recurso da CIG
A CIG denuncia que o novo texto, modificado polo Consello da Xunta co actual goberno do PP, só recolle: “na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa.”
O sindicato nacionalista xa anunciou que presentará un recurso por infrinxir o actual Decreto de Normalización Lingüística, que continúa en vixencia. Ademais, critica que a Consellaría de Educación “inicie a negociación dunha orde que emana do Decreto de Educación Infantil, cando este aínda non está publicado no DOG”.
Descargar Tarifas