Europa Press . O portavoz parlamentario dos socialistas, Xaquín Fernández Leiceaga, considerou hoxe un 'erro' que a instalación dunha piscifactoría en Cabo Touriñán e advertiulle á Xunta de que 'non deben ser as empresas as que definan que zonas hai que protexer'. Fronte a isto, o seu homólogo no PPdeG, apela a que o sector acuícola galego 'non siga perdendo oportunidades'.
Proxecto de Pescanova, desbotado polo bipartito e recuperado polo PP, en Cabo Touriñán.
En sendas roldas de prensa, os portavoces de ambos os grupos aludiron a esta cuestión despois de que onte, na inauguración da planta de Pescanova en Mira (Portugal), o presidente da compañía anunciase a súa "disposición" de "retomar o proxecto" de Cabo Touriñán –que o bipartito descartou por estar en Rede Natura– e de que a conselleira do Mar garantise o seu apoio á iniciativa.
En primeiro lugar, o socialista acusou de "equivocación" a reactivación deste proxecto, posto que supón unha "falta de respecto ao medio ambiente e ao futuro dos galegos". De feito, apelou á posibilidade de "compatibilizar" o desenvolvemento industrial co coidado da natureza para recordar que o anterior Executivo galego ofreceu a Pescanova "dous emprazamentos alternativos".
"Se non optou por ningún deles debeu ser por un criterio empresarial", razoou, á vez que considerou esta decisión "lexítima e normal" no marco europeo. Precisamente, indicou que este mesmo criterio moveu tamén a "algún membro da Xunta" a situar as súas empresas en Portugal, en referencia ás empresa téxtil do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.
Versión do PPdeG
En todo caso, Leiceaga sostivo que "non poden ser as empresas as que definan a defensa do interese xeral dos cidadáns, das xeracións futuras e o respecto ao medio ambiente". Pola súa banda, o popular lamentou que o proxecto inicial de Pescanova en Touriñán "perdeuse" durante o Goberno de Emilio Pérez Touriño e advertiu de que Galicia "non pode seguir perdendo posicións" no mercado.
"O erro do bipartito pagárono os cidadáns da Costa da Morte", censurou Ruiz Rivas, á vez que apostou por "volver á racionalidade das políticas" no sentido de conxugar o "ambientalmente posible" con "o que xera riqueza e empregos". "A Administración debe ofrecer posibilidades ao que sexa importante para unha comarca e para o sector acuícola galego", insistiu.
Por outra banda, o portavoz do PPdeG na Cámara galega criticou o Plan Acuícola deseñado polo anterior Goberno galego e ironizou con que "só tiña unha calidade: que tiña a todo o mundo en contra". "Tanto aos veciños como ás empresas", sentenciou.
En cambio, Leiceaga recordou que a oposición do PP a este plan baseábase en que "invadía excesivamente" a Rede Natura, a pesar de que a afectación era "só do dous por cento" para plantas xa instaladas, fronte ao 27 por cento do plan de Manuel Fraga.
"Moito nos tememos que a conselleira do Mar está pensando en regresar a un plan que se carga boa parte da Rede Natura e que se fixo sen declaración ambiental, de présa e correndo", reprobou o socialista.
Por todo, sinalou que se pode revisar" o plan acuícola, pero mediante un proceso "rigoroso" que teña en conta a contorna natural, que permita alegacións e que se basee nunha "decisión equilibrada entre a defensa do medio ambiente e o impulso á produción e a riqueza".
Descargar Tarifas