Manuel Vilas . Os datos oficiais proban que só 270 persoas traballan nas seis granxas de rodaballo do país. Con todo, Pescanova promete 300 empregos nunha soa instalación. Trátase da polémica piscifactoría en Touriñán parada polo bipartito por invadir Rede Natura e que agora a Xunta do PP quere retomar.
Plano do proxecto de Pescanova para Touriñán, en vermello a zona protexida.
Os postos de traballo son menos dos prometidos e non abondan para xustificar a invasión da Rede Natura. Este é un dos argumentos dos dous principais grupos ecoloxistas galegos (Adega e Verdegaia) ao anuncio da Xunta de retomar o proxecto da macropiscifactoría de Pescanova en Touriñán.
O Cluster cifra en 270 os empregos en toda Galicia
Os ecoloxistas de Adega cualifican de “irreais” os empregos prometidos. Argumentan que inicialmente, cando o primeiro Plano Acuícola do Goberno Fraga, a compañía ofrecía 3.000. Antes de que o bipartito descartase o proxecto polo seu impacto na costa, Pescanova cifraba o emprego en 300.
Unha cifra máis baixa pero aínda moi discutíbel, pois nas seis granxas de rodaballo de Galicia só traballan 270 persoas. É un dato do Cluster de Acuicultura de Galicia, ente patronal no que participa a propia Pescanova.
Verdegaia alerta dun “fraude de lei” para invadir a Rede Natura
Dende Verdegaia, o anuncio da Xunta de “recuperar o tempo perdido” é cualificado de “auténtica aberración”. O seu portavoz Xan Duro insiste na “barbaridade que suporía ocupar un dos espazos máis senlleiros da costa galega”.
Duro advírtelle a Rosa Quintana, conselleira do Mar, que, no caso de ceder as presións de Pescanova, denunciarán o asunto en Bruxelas. E é que os terreos ambicionados pola multinacional son parte da Rede Natura, figura da UE que protexe lugares de especial interese ambiental.
A lei só permite obrar en Rede Natura no caso de actuacións de interese público e de urxencia. Supostos que, en opinión de Verdegaia, non cumpre a macropiscifactoría salvo que a Xunta perpetre unha “fraude de lei”.
En Cabo Vilán traballan 30 persoas, segundo os ecoloxistas
O principal estandarte do Goberno conservador son os postos de traballo que crearía o macroproxecto. Unha verdade a medias, pois, por exemplo, a gran piscifactoría chantada ao pé doutros dos faros máis importantes do país, Cabo Vilán, emprega menos de trinta persoas, lembra Duro.
Ademais, o ecoloxista argumenta que deses poucos empregos moitos son especialistas cualificados, que non poderán cubrirse na Costa da Morte. Duro insiste en que retomar o proxecto en Touriñán sería ilegal e adianta que Verdegaia coordinará unha resposta canda outros grupos ecoloxistas do país.
Descargar Tarifas