Xurxo González . O aumento da morosidade reduce un 21% o beneficio. BBVA e Santander concentran o 80% das ganancias. Algúns pensan que pode haber maquillaxe na contabilidade
Mentres o paro dá moi escasos respiros á poboación, a situación dos bancos españois semella inmellorábel. No primeiro trimestre de 2009 gañaron 4.052 millóns de euros nun escenario que cualificaron como “de fonda recesión económica”. A Asociación Española da Banca, patronal do sector, indicou que o beneficio de xaneiro a marzo deste ano supón un 21% menos que en 2008, cando foi de 5.160 millóns. Esta redución atribúena ao aumento da morosidade e aos fondos reservados para afrontala (provisións). Os bancos destinaron 4.135 millóns a este concepto no primeiro trimestre de 2009, cando no mesmo período de 2008 foran 2.456 millóns. Con todo, a Asociación Española da Banca, que preside Miguel Martín, afirmou que estes 1.679 millóns máis “non se teñen por que considerar perdidos, xa que a maior parte da morosidade adoita recuperarse co tempo”. Os impagos aumentaron do 1,23% ao 2,95%. Estes resultados están en liña cos presentados pola Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA). No primeiro trimestre de 2009 as caixas españolas, agás a de Castela A Mancha, intervida polo Banco de España, gañaron 2.028 millóns de euros, un 22,7% menos que no mesmo período de 2008. A morosidade das entidades que compoñen a CECA ascende a 4,64%, unha porcentaxe alta que polo momento non está a provocar perdas. Os datos de cada banco para o primeiro trimestre xa se coñecían, na maioría dos casos, desde hai algunhas semanas. Así, o Santander gañou máis de 2.000 millóns de euros entre xaneiro e marzo (un 5% menos). BBVA supera os 1.200 millóns de euros, cunha caída do 14% respecto ao mesmo período de 2008. Esta tendencia a recortar ganancias, pero evitar as perdas, comezou o ano pasado. Non obstante, hai que ter en conta que en 2007 e os anos anteriores as noticias incidían nos sucesivos records de beneficios que se ían superando. En 2007 o sector financeiro da maioría dos países occidentais xa atravesaba dificultades e precisaba o rescate público. No conxunto, algúns analistas pensan que as provisións deberían ter sido aínda maiores, o que reduciría o beneficio. A operación que toman como exemplo desta situación é o control de Metrovacesa, unha das maiores inmobiliarias do país, por parte de seis entidades financeiras. O pasado 20 de febreiro Santander, BBVA, Banesto, Banco Popular e Caixa Madrid compraron á familia Sanahuja máis do 50% da compañía para cancelar a débeda que a empresa mantiña con elas 2.090 millóns. O prezo que pagaron por acción foi de 57 euros, pero hoxe o seu valor é de pouco máis de 16. Aínda que normalmente estas entidades estarían obrigadas a declarar unha perda patrimonial de preto de 1.700 millóns de euros, puideron evitala nas contas do primeiro trimestre recorrendo a certos argumentos legais. Con todo, esta compra reflectiuse de xeito diferente no balance de cada banco involucrado: Santander reservou 190 millóns de euros para cubrir esta operación (o que supón o 20% do seu investimento). Banesto, filial do anterior provisionou só o 10% (33 millóns). O mesmo fixo BBVA, mentres que o Popular non destinou polo momento fondos a cubrir as consecuencias desta operación errada. En todo caso, as reservas quedaron moi lonxe do custe total das posíbeis perdas, que terán que asumirse nos seguintes trimestres. Outros factores explican os grandes beneficios da banca española nunha situación de crise como a do primeiro trimestre. A revisión anual das hipotecas e as fortes oscilacións do euríbor e outros indicadores provoca que moitos propietarios estean pagando intereses superiores ao 5% cando os tipos actuais están pouco por riba do 1%. Na mesma liña, a pesar de que os bancos poden obter diñeiro do BCE ao 1,25%, os intereses que cobraron aos seus clientes á hora de conceder créditos foi superior ao 5%. O crédito concedido aumentou aínda así un 4% no primeiro trimestre de 2009. Estas elevadas marxes sosteñen os beneficios dos bancos, que compensan ademais as dificultades cunha leve redución do número de oficinas e empregados. Prevese que esta tendencia se agudice nos próximos meses.
Oficina do Banco de Santander.
Santander e BBVA suman o 80% do beneficio total
As provisións poderían non ser suficientes
Altas hipotecas e redución de empregados
Descargar Tarifas