Redacción . Dúas campañas publicitarias, unha no ámbito nacional e a outra no estatal, constituirán o 'plan de choque' da Xunta para tratar de paliar o descenso das reservas de aloxamento para este verán en Galiza, que o sector turístico prevé que será do 20 por cento.
Con este obxectivo, a secretaria xeral para ou Turismo, Carme Pardo, presentou hoxe dous anuncios de 30 segundos de duración que se emitirán nos medios de comunicación desde o vindeiro luns 22, até o 12 de xullo, e nos que a Consellaría de Cultura e Turismo investiu 2,35 millóns de euros. A directora xerente de Turgalicia, María do Carme Pita, subliñou que o fío condutor de ambas as campañas "segue a liña do que se fixo até agora", xa que "en comunicación non se poden dar xiros bruscos". No entanto, indicou que nesta ocasión "dáse un paso máis" e ponse a énfase na invitación ao público obxectivo "para que visite Galiza".
Posto das cidades galegas en Fitur 09.
A campaña contará con máis de 700 pases nas televisións xeralistas de Galiza e o resto do Estado, dos que o 40 por cento se emitirán en horario de máxima audiencia e un 20 por cento serán colocados estratexicamente dentro do bloque publicitario no que se inclúan. Así mesmo, inseriranse anuncios en radio e medios escritos.
Por unha banda, o anuncio de Galiza –co lema 'Galicia, coñécela?'– pretende que os galegos "queden no país", destacou a responsábel do departamento, polo que pretende fomentar o denominado turismo doméstico coa mensaxe de que "hai moitos lugares aínda por coñecer".
Destino alcanzábel
Por outra banda, explicou que o anuncio 'Galicia. Ven. Sentir' –para televisións xeralistas de cobertura estatal– busca atraer aquelas familias que "aínda non decidiron o seu destino" e "facerlles ver" que o país constitúe un destino "alcanzábel e moi bo".
Descargar Tarifas