Europa Press . Gandeiros Unidos confía en desconvocar a tractorada ao longo do día de hoxe ao considerar que a Xunta busca 'un achegamento entre distribución e industria' e espera unha 'resposta positiva' da Consellaría do Medio Rural.
A tractorada entrando en Santiago dende Ordes
En declaracións aos medios, o portavoz de Gandeiros Unidos, Xosé Agra, afirmou que a Xunta "se puxo en contacto" cos gandeiros para trasladarlles que "estaban tendo contactos e tratando de buscar un achegamento entre ambas as partes”. Agra confiou en que "hoxe pode haber un acordo, polo que quedaría desconvocada" a tractorada prevista de 16.00 a 19.00 horas en Compostela e que suporía a segunda en dous días.
As protestas esta mañá comezaron na chaira de Salgueiriños e continúan ante dous grandes supermercados composteláns, situados no polígono de Costa Vella.
O portavoz de Gandeiros Unidos –que representa uns 2.000 produtores, segundo esta organización agraria– explicou que os contactos entre Xunta e distribución e industria teñen como obxectivo que os afectados poidan "cubrir os custos de produción" e lles quede "unha marxe de ganancia".
Gandeiros Unidos manterá unha asemblea esta tarde para estudar se continúan as protestas ou se os gandeiros regresan ás súas granxas.
Ademais, decidirán se apoian as protestas programadas polos tres sindicatos agrarios –Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego– xunto con Agaca, que ten previsto denunciar ante grandes superficies da Coruña, Lugo e Santiago a venda do leite por baixo dos custos de produción.
Descargar Tarifas