Gobernos de todo o mundo intentaron e intentan imitar un modelo de pólo tecnolóxico onde a innovación é a norma.
O ecosistema de Silicon Valley é completo e complexo, conta con todos os elementos necesarios para levar a bo porto unha idea no mundo da tecnoloxía: fondos de capital risco, directivos e enxeñeiros, universidades...
É unha rede de organizacións e persoas conectadas en modo promiscuo, todos con todos, compartindo información e recombinándose na achega do organismo perfecto, un “ser vivo” en continua evolución...
Porén, este ecosistema en rede non obtén resultados por casualidade. Por cada empresa que triunfa e alcanza notoriedade, centos ou incluso miles quedan no camiño. Fracasar é o máis probábel. Caer e levantarse para comezar de novo é a norma. A proba e erro é parte ineludíbel do proceso.
Máis aló de estudar os elementos do ecosistema, cal é o caldo de cultivo que o sustenta?
Segundo Marten Mickos, antigo director xeral de MySQL (empresa de software libre mercada por 1.000 millóns dólares por Sun en 2008), a natureza do Valley vén dada pola falla de San Andrés.
Máis de 3.000 persoas morreron en San Francisco no histórico terremoto de 1906. Outras tantas quedaron sen fogar no de 1989. Cada semana, ducias de tremores lles recordan aos moradores da Bay Area a fraxilidade da terra sobre a que viven.
O único inmutábel no tempo é o cambio. E telo presente a diario, co continuo recordatorio da insistente Natureza, acaba por imbuílo de forma perenne na cultura de calquera sociedade.
A sociedade de Sillicon Valley non ten medo ao erro nin ao fracaso, asociados ambos de forma indisolúbel á innovación e ao cambio, porque mañá pode espertar sen chan baixo os seus pés... Niso radica o segredo do seu éxito.
Recordo cando eramos nenos e aprendiamos a andar na bici a base de caer e erguernos, cos xeonllos ensanguentados e a teima infinita de domar o equilibrio. Cando foi que deixamos de ser nenos? ¿Por que a nosa cultura castiga o fracaso en lugar de premiar a consecuencia natural da teima nel, o éxito?
Só de volta continua ao fracaso acharemos o verdadeiro éxito. E se non, sempre quedará o aprendido no camiño.
Descargar Tarifas