Redacción . Despois dun día de silencio, o líder do PP ourensán, Xosé Luís Baltar, recoñeceu nunha entrevista as diferenzas que mantén co presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, e amosouse disposto a negociar unha saída do conflito interno.
Xosé Luís Baltar, presidente da Deputación de Ourense.
Nunha entrevista concedida á Cadena Cope, Baltar xustifica a carta dirixida ao presidente do PP galego, Alberte Núñez Feijóo, no que cargos do PP ourensán denuncian a "humillación" á que someten o presidente da Deputación de Ourense. Con todo, recoñeceu que o documento, filtrado por El País, evidencia as discrepancias do PP ourensán sobre "diversas posturas" adoptadas pola dirección galega do partido.
Segundo revelou Baltar na entrevista, a misiva pretendía recoller as firmas de 40 ou 50 alcaldes para negociar coa dirección chegado o momento "e non ter que ir os 50 alí, senón só dous ou tres e dicir que esa postura a apoian señores que temos aquí". "Estanse facendo unhas cousas", dixo, "e nós pensamos que deberían facerse doutro xeito".
Baltar declarou que coa carta, o chamado sector da boina pretendía poñer sobre a mesa "un debate interno para o mellor funcionamento do partido e das institucións". O obxectivo do documento era, segundo sinalou na entrevista, "non estar calados a ver se se pode corrixir algo".
“Dano tremendo ao partido”
Pola outra banda, apuntou que existía un “compromiso interno” para non facer público o “debate interno” e recoñeceu que a filtración "fai un dano tremendo ao partido".
Baltar, que negou recibir chamadas do secretario xeral do PP galego, Alfonso Rueda, para reprocharlle o escrito, puxo de manifesto a súa vontade de negociar. "Chegado o momento" conversará con Feixóo sobre a postura do PP ourensán.
Descargar Tarifas