Europa Press . Alberte Núñez Feixóo é o líder máis valorado polos galegos cun 5,2 de nota media, fronte o suspenso que lle outorgan a Touriño e Quintana na enquisa postelectoral do CIS. Pola contra, preséntase como o máis descoñecido dos tres. Ademais, os cidadáns consideran que os socialistas xestionaron mellor que os nacionalistas durante o goberno bipartito.
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, é o líder máis valorado polos galegos, que lle outorgan un 5,2 de nota media e sitúano por diante dos outros dous cabezas de lista que concorreron o 1 de marzo, Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG), que suspenderon. Ademais, os líderes estatais José Luís Rodríguez Zapatero e Mariano Raxoi tampouco superan o cinco e quedan cun 4,5 e un 4,2, respectivamente. Segundo a enquisa postelectoral sobre as eleccións do 1 de marzo, publicada hoxe polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), os cidadáns galegos outórganlle un 5,2 a Feixóo fronte ao 4,4 de media que lle concederon a Touriño e o 3,4 co que cualificaron a Quintana. Con todo, Touriño segue sendo, tras o seu paso pola presidencia da Xunta, o líder político máis coñecido (o 86,6 por cento dos enquisados sabe quen é), seguido de Quintana (co 84,7 por cento), que tamén rendibilizou o seu paso pola Vicepresidencia. No último lugar, sitúase Feixóo, identificado polo 78,1 por cento dos entrevistados. No contexto político actual, tras gañar as eleccións o PPdeG, para o 31,7 por cento dos galegos o paro debe ser a prioridade da nova Xunta, xunto coa economía (25,2 por cento), segundo o estudo demoscópico. Precisamente, os enquisados suspenden a xestión do bipartito respecto ao paro, cun mal (31,7 por cento) e un moi mal (10,8 por cento). Xestión do bipartito Tamén sobre a acción do bipartito, o 50,3 por cento dos entrevistados outórganlle un regular á xestión do gabinete de Pérez Touriño e o 24,1 por cento considérana mala. En todo caso, os entrevistados pensan que os socialistas xestionaron mellor que os nacionalistas durante os case catro anos de goberno. O 17,9 por cento valora como boa ou moi boa a acción do PSdeG, mentres que o 11,2 dálle esa cualificación ao BNG.
Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberte Núñez Feixóo.
Durante os case catro anos de executivo de PSdeG e BNG, que coincidiron coa xestión socialista no Goberno central, os galegos concluíron, no 40,8 por cento dos casos, que a política desenvolvida polo Estado foi "máis ben desfavorábel" para Galiza.
En conxunto, o 50,3 por cento dos enquisados cualifica como regular a xestión de Zapatero e só o 16,2 por cento a considera boa ou moi boa. Con todo, unicamente o 24,5 por cento opina que as cousas irían mellor se gobernara o PP, o 34 por cento pensa que sería igual e o 25,1 por cento contesta que sería peor a situación.
Perto da metade dos enquisados observan que a situación económica en Galiza é mala ou moi mala (49,2 por cento), aínda que son máis os que a ven deste xeito no ámbito estatal, ao alcanzar o 56,6 por cento o número de entrevistados que escollen malo ou moi malo para falar deste panorama en España.
No canto á situación política galega, o 42,2 por cento entende que é regular, fronte ao 43,3 por cento que opina desta forma en relación ao conxunto do Estado. Ademais, o 35,6 por cento tacha de malo ou moi malo o panorama político en Galiza, fronte ao 37,5 por cento que opina así en relación a España.
O 84,9 por cento dos galegos afirma que acudiu ás urnas o pasado 1 de marzo, o que supón unha cifra máis alta que a de participación rexistrada na noite electoral, que alcanzou o 70,4 por cento.
Dos que declaran ter emitido o sufraxio, o 74,3 por cento afirma que o tiña decidido antes, o 10,4 por cento que tomou a determinación a primeira semana da campaña e o 7,3 por cento que o fixo a última da carreira cara ás urnas. Segundo a enquisa do CIS, o 6,5 por cento decantouse por unha formación política o propio domingo electoral.
A decisión primordial pola que os enquisados apoian a unha ou outra forza política baseouse, no 35,2 por cento dos casos, en que a formación elixida é a que mellor defende os intereses de Galiza. De coñecer os resultados finais do 1-M previamente a emitir o sufraxio, o 81 por cento dos cidadáns afirma que faría o mesmo.
Ademais, o 27,2 por cento dos galegos votara o PP nas Xerais de 2008, mentres que o 32,3 por cento apoiara o PSdeG e o 7,9 por cento emitira o seu sufraxio favorábel ao Bloque. Nas galegas de 2005, o 25,9 por cento dos entrevistados declaran que apoiaron o PPdeG, o 25,6 por cento o PSdeG e o 11,1 por cento o BNG.
Para case tres de cada dez galegos os problemas de índole económica centraron a campaña electoral das autonómicas, fronte ao 4,1 por cento que pensa que foi o coche oficial de Touriño, o 3,1 por cento os insultos e descualificacións, o 1,8 por cento a política lingüística e o 1,7 por cento o malgasto.
Dos enquisados, o 34,1 por cento di que o PP ten unha posición máis próxima á súa, mentres que esta mesma resposta outórgana ao 22,4 por cento en relación co PSdeG e ao 8,4 por cento respecto do BNG.
En conxunto, a maioría de galegos tachan de regular a campaña desenvolvida polas tres principais formacións políticas. Pensan así respecto do PP o 34 por cento dos enquisados, en referencia ao PSdeG o 47,2 por cento e no canto ao Bloque o 38,8 por cento dos galegos.
O 93,4 por cento dos galegos segura que non intentou convencer a ninguén de que debería votar por un ou outro partido e o 88,3 por cento di que ninguén tratou de facelo co enquisado. O 8,4 por cento dos galegos dubidou a que forza política dar o seu sufraxio, dos que o 28,8 por cento o fixeron entre o PP e o PSdeG e o 14,2 por cento entre o PSdeG e o BNG.
Descargar Tarifas