Redacción . Na mañá deste mércores tivo lugar un encontro entre representantes das concellarías de Cultura de todas as cidades galegas agás Lugo, do que saíu un acordo asinado para propor a candidatura de Ricardo Carvalho Calero para ser homenaxeado o vindeiro 17 de maio.
O acto foi presidido pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais de Santiago de Compostela, Socorro García Conde, que salientou a necesidade de recoñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero, case 20 anos despois do seu pasamento. "A homenaxe sería especialmente acaída no ano 2010, ao cumprirse o centenario do seu nacemento", sinalou. Afirmou tamén que Carvalho, cunha das máis completas e extensas traxectorias vitais en defensa da cultura galega, converteuse nun dos persoeiros fundamentais no campo da literatura e a lingua galegas. No seu labor literario destaca fundamentalmente como poeta, constituíndo todo un referente para a xeración de poetas dos 80, década en que publica Pretérito Imperfeito, Futuro condicional, Cantigas de Amigo e Outros Poemas ou Reticências. Como narrador obtivo o Premio da Crítica pola súa novela Scórpio, escribiu tamén varias pezas dramáticas recollidas no seu Teatro Completo, e posúe unha extensa produción como crítico. Mais tamén é de salientar o o seu compromiso pola defensa da lingua e a literatura propias a través dos seus estudos e posicionamento ideolóxico. Entre os seus méritos atópase ser cofundador da Editorial Galaxia, onde publica a primeira obra narrativa en galego na posguerra; A Gente da Barreira. Defensor do reintegracionismo Carvalho, defensor das teses reintegracionistas, comezou a ser marxinado nos últimos anos da súa vida. Mantivo sempre a súa postura en favor da lingua galega con carácter internacional, non afastada do seu tronco orixinario, defendendo unha ortografía etimolóxica para o galego. O documento asinado polas concellarías das cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo será remitido de inmediato á Real Academia Galega, que está próxima a decidir a identidade da persoa homenaxeada no Día das Letras de 2010.
Mercedes Carbajales (Ferrol), María Xosé Bravo (A Coruña), Socorro García Conde (Compostela), Lola Dopico (Pontevedra) e Xesús López Carreira (Vigo)
1 / 2
Membro de honra da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e da Asociación de Escritores da Lingua Galega (AELG), e membro ordinario da Real Academia Galega (RAG) e da Academia das Ciências de Lisboa, Ricardo Cavalho Calero foi unha figura clave para entender a investigación lingüística e literaria galega. A súa Gramática Elemental del Gallego Común superou todas as precedentes e actualizou con rigor científico o estudo da lingua, e a súa monumental Historia da Literatura Galega Contemporánea, constitúe por vez primeira un esforzo de investigación da nosa literatura actual, unha interpretación crítica dos escritores que dende Rosalía a Cunqueiro cubriron un proceso fundamental na historia das nosas letras contemporáneas.
Descargar Tarifas