PUBLICIDADE
Martes, 09 de febreiro de 2010
BLOG MANUEL M. BARREIRO
Manuel
M.Barreiro
Comentarista político
A nova política do PP
O Movemento 1 de Marzo
O PP está convencido de que se atopa no bo camiño e de que un vagaroso devalo electoral do PSOE o conducirá irremediabelmente á Moncloa. Intentando forzar un punto e á parte, José Luis Rodríguez Zapatero arengou os seus para que fagan valer os 11 millóns de votos que sumou en marzo de 2008 e o PSOE desafiou os de Mariano Raxjoy iconvidándoos a presentar unha moción de confianza. Estratexias de fume.
 16.06.2009 | 11:42

Futuro pasado Futuro pasado. Manuel M. Barreiro

A experiencia de Manuel Fraga desaconsellou a aventura censora por suicida e porque, agás os estrategos de Ferraz, todo o mundo sabe que basta con agardar ao debate dos Orzamentos Xerais do Estado de 2010 para que Zapatero se someta, sen remedio, a unha complicada moción de confianza. Complicada para o goberno do PSOE e incómoda para o seus eventuais apoios parlamentarios que, votando os Orzamentos, se tornarán en responsábeis subsidiarios das (até agora) marradas políticas de Zapatero para saír da crise económica.

Con este pano de fondo, os analistas aínda seguen matinando sobre se o 7 de xuño inaugurou un novo ciclo político por cousa da viraxe á dereita dos electores europeos. En Galiza ninguén discute o inicio dun novo tempo ou ciclo político. O seu arrinque está claramente riscado no noso almanaque: 1 de marzo de 2009. A maioría absoluta de sufraxios acadada polo PPdeG nas pasadas eleccións europeas ratifica e reforza o «Movemento 1 de Marzo» que non é outra cousa que a volta do PP á Xunta de Galicia como antesala doutros retornos gobernamentais máis gorentosos. Debatemos, iso si, a natureza e alcance desde movemento contrarreformista. Os máis optimistas valórano como unha volta ao fraguismo. Hai moi pesimistas indicios de que o seu horizonte é mesmo anterior ao propio fraguismo.

Manuel Fraga estreou presidencia investindo en galeguismo e tentando darlle vida a un «conservadorismo dinámico» que, ao seu xeito, queríalles dar resposta aos retos de futuro de Galiza. Así, da súa man, ideou unha reforma senatorial, a autoidentificación e unha Administración Única como fórmulas conservadoras, pero posíbeis, para o avance do noso autogoberno.

Actualmente, o conservadorismo do PPdeG non é dinámico senón reactivo e Feixóo ofrécese, sen complexos, como o arquitecto dunha Segunda Transición nun país no que apenas se ensaiou brevemente a Primeira Transición. Gastamos esforzos en etiquetar a Feixóo como neoliberal mais ser é outra cousa, é substancialmente un tecnoconservador abducido por calquera formulación ideolóxica (sexa liberal, antiliberal ou paraliberal) que lle permita converter o pasado (máis pasado) en futuro.

O «Movemento 1 de Marzo» é o noso equivalente do Contragolpe que Thomas Frank debullou en Que pasa con Kansas? Como os ultraconservadores conquistaron o corazón dos Estados Unidos, unha vontade política expresa por erradicar toda raíz cultural, política ou social alentadora de cambios transformadores e mesmo calquera memoria do desexo do cambio. Feixóo é o profeta armado da fin da historia e o gobernador supremo dun novo tempo político: o futuro pasado. 

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río