Redacción . Os dous artistas xúntanse para un proxecto que pon en diálogo os seus dous estilos: este martes e mércores gravarán ao vivo o disco no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Narf e Manecas Costa
O galego Narf e o guineano Manecas Costa contarán coa participación do percusionista mozambicano Celso Mahuie. En Aló Irmão! conviven unha das voces máis sorprendentes do panorama galego, a de Narf, e o talento de Manecas Costa, compositor, cantante e virtuoso guitarrista da Guinea Bissau. Así como Manecas xa ten camiño andado con artistas galegos, tamén Narf emprendeu diversos proxectos con voces da lusofonía.
"Xa nos primeiros ensaios", recorda Narf, "saíron cousas bonitas, frases que nos namoraron máis o un do outro. Tocar xuntos ben de xeito inmediato encaixaba, coma se tivesemos tocado as músicas cen veces. Realmente hai unha maxia, unha química". Os 90 minutos de música que compoñen Aló Irmão! comezan cos seus éxitos en solitario, explicar quen son os dous xuntos. É unha proposta sinxela, baseada nas guitarras, nas palabras e en facer encaixar todas as pezas.
"O concerto é unha viaxe que parte do que fomos, pasa polo que somos e nos leva cara ao que habemos ser", explica Narf. "Queremos que a xente viaxe connosco á Guiné (Nigué Ssibau) e a Galiza (Zigala), a ese lugar onde nos sentimos seguros, ao que volvemos para coller folgos", apunta Manecas. "Queremos", conclúen, "que veñan connosco no que dure o concerto a ese lugar onde non hai preocupación, só felicidade".
Descargar Tarifas