Europa Press . A CIG-Ensino presentou hoxe dous recursos contra a consulta que realiza a Xunta sobre as preferencias lingüísticas dos pais no ensino co obxectivo de esixir a paralización cautelar da enquisa porque 'vulnera dereitos fundamentais e a liberdade sindical', entre outros aspectos.
Anxo Louzao, secretario da CIG-Ensino
A CIG-Ensino presentou hoxe dous recursos contra a consulta que realiza a Xunta sobre as preferencias lingüísticas dos pais no ensino co obxectivo de esixir a paralización cautelar da enquisa porque "vulnera dereitos fundamentais e a liberdade sindical", entre outros aspectos.
En declaracións a Europa Press o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, explicou que hoxe se entregou un recurso contencioso administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por "vulneración dos dereitos fundamentais, liberdade de reunión, sindical e de información".
Neste sentido, Louzao denunciou que a Consellería de Educación deu orde de que "nin pais, nin alumnos, nin profesores poidan facer ningunha acción de debate e informativa" sobre a consulta. "As autoridades educativas compórtanse como axentes electorais dun partido político", sostivo.
Por iso, a central nacionalista reivindicou a paralización cautelar da consulta que esta semana realiza Educación aos pais en relación á elaboración do novo decreto do galego no ensino.
Protección de datos
Así mesmo, Louzao informou de que hoxe se presentou un segundo recurso ante a Axencia Española de Protección de Datos porque, segundo explicou, a consulta aos pais "vulnera a Lei Orgánica de Protección de Datos", xa que, segundo comentou, os colexios teñen que elaborar un "ficheiro novo dos participantes, dos que participaron e non".
"Iso é unha infracción grave", recalcou Louzao e rexeitou que se obriga aos equipos directivos a incorrer nunha infracción" coa recompilación deses datos. "Tampouco se lles facilita información aos pais", engadiu e criticou que os resultados da enquisa a Administración educativa tenos "de antemán".
"A consulta non lexitima a futura política lingüística do PP, que é un recorte", subliñou e lamentou a "fobia que lle teñen ao idioma de Galicia". "A meta é reducir o uso do idioma e a normativa que temos", concluíu.
Descargar Tarifas