Redacción . Despois de rematar con 'Libro Aberto', a nova directiva do PP eliminará o programa de música e curtametraxes galegos da programación, segundo denuncian os socialistas.
A banda de rock galego Zenzar en Onda Curta
O PSdeG advertiu hoxe da "política anticultural" que, ao seu xuízo, pretende poñer en marcha a nova directiva da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), xa que suprimirá o servizo de Cultura do ente público. O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista na comisión da CRTVG, José Luis Méndez Romeu, destacou, ademais, que esta decisión coincide co final da emisión dos programas de literatura 'Libro Aberto' e de curtametraxes e música do país 'Onda Curta'. Segundo Méndez Romeu, estas circunstancias provocan que o resto da programación cultural se atope nunha situación de "preocupante incerteza", polo que adiantou que nos próximos días presentará unha serie de iniciativas. Así, preguntará aos membros da nova dirección "como teñen previsto" satisfacer o papel de divulgación da cultura galega que como recordou "corresponde a un medio de comunicación público". Ademais, demandaralles unha resposta a respecto da continuidade de programas culturais "consolidados na grella da TVG" como 'Miraxes', 'Planeta Cinema' ou 'Alalá'. Libro Aberto Por último, o deputado socialista lamentou que se vaia suprimir da grella un programa como 'Libro Aberto', que mantivo 127 emisións durante os catro últimos anos e realizou máis de 200 entrevistas a autores galegos. Neste sentido, resaltou que obtivo o recoñecemento dos editores galegos (que lle outorgaron o premio 'Fernández del Riego') así como da audiencia, xa que "triplicou en número de espectadores aos programas irmáns doutras canles públicas", concluíu.
Descargar Tarifas