Europa Press . A lista de Alternativa pola Unidade (impulsada pola UPG e independentes) e a liderada por Carlos Aymerich, Máis BNG, volverán enfrontarse, polo menos, nas comarcais de A Coruña, Vigo e Santiago. Estas comarcas son das máis significativas da fronte pois achegan o maior número de militantes.
Desta forma, son agora as bisbarras as que teñen que conformar os seus órganos de dirección e, en función do número de concellos que estean incluídos e a cifra de afiliados, achegarán os representantes correspondentes ao consello Nacional, que se constituirá a principios do mes de xullo. Segundo as fontes consultadas por Europa Press, o acordo para configurar unha única lista para a renovación das direccións comarcais será posible en varias bisbarras pequenas, sobre todo, pero non frutificará nas máis representativas do Bloque, como son Compostela, A Coruña e Vigo, nas que Máis BNG e a UPG volverán confrontarse, como o fixeron na asemblea extraordinaria para elixir a Executiva. Daquela a pugna gañouna a lista da UPG, aínda que Máis BNG conseguiu recoller os suficientes apoios como para que a Executiva quedase conformada por dúas grandes correntes. Da dirección nacionalista quedaron fóra os 'irmandiños' liderados por Xosé Manuel Beiras, os que só aceptaban unha lista de integración de todas as correntes para concorrer á Executiva, algo que finalmente non foi posible, rompendo, así, a liña que seguiran as asembleas anteriores. Composición actual do Consello A raíz das votacións do conclave extraordinario, o máximo órgano de decisión entre asembleas conta con 23 membros pertencentes á lista impulsada pola UPG, que obtivo o 45,29 por cento dos votos de delegados, mentres que a candidatura do tamén voceiro parlamentario alcanzou o 36,8 por cento dos apoios de delegados, o que lle outorgou 18 representantes. Tamén entraron o Encontro Irmandiño, co 14,77 por cento membros e sete prazas, e Movemento Galego ao Socialismo (escisión do desaparecido do BNG Movemento pola Base) , con dous membros ao recoller o 3,09 por cento dos votos. Precisamente, esta última corrente foi a única que se integrou nunha candidatura na que non concorrera ao consello Nacional, na de Alternativa pola Unidade, o que lle permitiu incluír a Rafa Villar na Executiva nacionalista, con sete membros de Máis BNG e oito da lista da UPG.
Guillerme Vázquez e Carlos Aymerich na Asemblea Nacional do BNG.
As bisbarras teñen de prazo a segunda quincena de xuño para completar máis do 50 por cento dos membros do seu Consello Nacional, despois de que na conclave extraordinaria elixisen os primeiros 50 membros desa dirección e renovasen a Executiva, na que Guillerme Vázquez (da lista impulsada pola UPG) saíu elixido como voceiro nacional.
Descargar Tarifas