Redacción . A homenaxe 'O escritor na súa terra', impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega recaeu na súa XV edición, na figura de Agustín Fernández Paz. Entre os actos programados, que terán lugar o próximo 20 de xuño en Vilalba, farase entrega da Letra E, a plantación dunha árbore simbólica, a colocación dun monolito e a inauguración dun espazo público co nome do homenaxeado.
Esta iniciativa anual da Asociación de Escritores en Lingua Galega tense constituídos nos seus preto de vinte anos de traxectoria nunha cita cultural na que o lugar de nacemento do homenaxeado cobra protagonismo especial. Desta vez, a asemblea de socios da AELG acordou por unanimidade destacar coa homenaxe 'O escritor na súa terra' ao escritor Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil. Deste xeito, o próximo 20 de xuño Vilalba acollerá esta celebración múltiple e popular na que participarán figuras destacadas do mundo das letras. Os actos darán comezo a partir do medio día no Parque Agustín Fernández Paz coa plantación dun bidueiro e o descubrimento dun monolítico escultórico. Intervirán o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, a secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas, e o propio homenaxeado. A continuación, o Centro Cultural Recreativo de Vilalba acollerá a entrega da Letra E, unha peza escultórica realizada por Silverio Rivas. A laudatio correrá a cargo de Manuel Bragado. Fernández Paz súmase así á nutrida nómina de homenaxeados, na que tamén figuran Bernardino Graña, Avilés de Taramancos, Manuel María, María Xosé Queizán, Neira Vilas, Xosé Chao Rego ou Manuel Lourenzo.
Agustín Fernández Paz
Descargar Tarifas