Redacción . A Consellaría de Educación pídelle á dirección dos centros, a través dunha circular enviada nas últimas horas, que prohiban calquera acto informativo relacionado coa enquisa do galego e que manteñan informada a Inspección.
"Aproveito para lembrarlle que a Dirección do centro é a responsábel do normal desenvolvemento do proceso de realización da consulta e en consecuencia deberá prohibir todas as accións ou actos, tanto a favor como en contra do mesmo, mantendo informada en todo momento a Inspección Educativa". É un dos parágrafos da circular que Educación lles enviou aos centros de ensino nas últimas horas. "Paradoxo" entre os recortes no ensino e o investimento na enquisa Critican a esixencia de que os equipos directivos dos centros "incrementen as súas responsabilidades coa custodia destes documentos", e sinalan o "paradoxal" desta situación: por unha banda, "recortes na calidade do ensino (...) coa escusa da crise", e pola outra "este dispendio en recursos económicos para atacar a nosa lingua. Para diminuír a presenza do noso idioma no ensino non hai crise".
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez.
Na última semana, os sindicatos STEG e a CIG Ensino, entre outros colectivos (esta mañá sumouse a AELG tamén), informaron da creación dunha fronte común para informar os pais e as nais sobre o inquérito que a Consellaría de Educación está a repartir a respecto da lingua nas que van ser impartidas as materias.
Dende a CIG-Ensino xa emitiron un comunicado en que queren denunciar "a irresponsabilidade da Consellaría de Educación que non ten reparo, no momento de máis traballo nos centros, coincidindo coa fin de curso, en cargar sobre as direccións, en contra da súa vontade, con encomendas que lle son alleas e mesmo contrarias aos seus cometidos, implicándoas nunha campaña política do PP".
Para a CIG-Ensino a maneira máis contundente de responder é "todo en galego" e "facer constar a falla de lexitimidade deste inquérito, esixindo que non se derrogue o actual decreto". Pretender que o profesorado non poida emitir a súa opinión, segundo a CIG Ensino, vulnera "un dos dereitos fundamentais como é o da liberdade de expresión", e converte os centros "nunha canle de pensamento único e adoutrinamento parcial".
Afirman que a consellaría quere usar "de xeito partidista a educación e censurar opinións diferentes á súa, que o único que procuran é dar outra opinión a quen se lle pide que participe nunha consulta amañada". Fan, logo, un chamamento ao profesorado para que "actúe segundo o seu criterio sen deixarse intimidar polas ameazas ilegais dunhas autoridades educativas que perderon o seu carácter institucional para comportarse como axentes electorais dun partido político".
Descargar Tarifas