Redacción . O deputado do Grupo Parlamentar do BNG Bieito Lobeira fai público o seu 'estupor' polos límites 'aos que está a chegar o goberno do Partido Popular na súa cruzada contra o galego', que é xa máis unha 'cruzada contra a liberdade de expresión toda vez que as equipas directivas dos centros de ensino están a recibir ameazas de que se lles abrirá expediente ante calquera tipo de propaganda a favor da lingua que apareza nos centros'.
Bieito Lobeira, deputado do BNG.
O BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, expresa a súa máis enérxica repulsa ante decisións e directrices desta índole que, na súa opinión, poñen de manifesto “non só o desprezo deste goberno polo galego senón pola democracia en si, ao impedir a manifestación lexítima da libre expresión en favor dunha causa, neste caso a defensa do galego”.
O deputado nacionalista alerta de que este tipo de políticas só implican un retroceso, unha involución a tempos “ben escuros, de represión e apagón informativo” como os que se viviron no Prestige. Foi incluso máis alá na gravidade dos feitos, porque “realmente non se está a falar de censura senón de prohibición” e “nun ámbito, como o educativo, que debería ser paradigma da liberdade, do que depende en grande parte a conformación de cidadáns libres”.
Para Lobeira, é “escandaloso” ver como o Partido Popular “non se corta un pelo” en trasladarlle á sociedade a mensaxe falsa da “imposición”, empregando para iso todos os métodos de propaganda e, con todo, impide con métodos “detestábeis e nada democráticos” o dereito a defender e opinar sobre a situación real da lingua galega.
Descargar Tarifas