PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
Do 12 de xuño ao 6 de setembro
A obra de MAX na Luís Seoane

Redacción .  Francesc Capdevila (Barcelona, 1956), máis coñecido como MAX, é un dos autores de banda deseñada máis importantes a nivel estatal, cuxa traxectoria parte xa dos 70, e a influencia do underground norteamericano, especialmente por Robert Crumb.

Reloxo 12.06.2009 | 07:12

Exposición de Max na Seoane Exposición de Max na Seoane

Nesta mostra que poderemos ver na Luís Seoane, Hipnotopía, Max ofrécenos un percorrido polo seu traballo máis recente, polos seus gustos e obsesións. O título de exposición ("o lugar do soño", en grego) dá pistas sobre o ton onírico e están cheas de curiosas referencias, como o debuxo que homenaxea ao famoso cadro de Johann Heinrich Füssli, do que existen catro versións do propio pintor ou os acenos á psicanálise, e mesmo, unha ilustración que nos mostra os gustos literarios do artista: dende Osamu Tezuka e o seu Astro Boy, até Chesterton, pasando por Buñuel, Robert Graves, Tardi, Picasso ou Durero. Sobre unha obra deste ́último, a famosa "O cabaleiro, a morte e o demo", Max realiza unha serie de debuxos para ilustrar o libro "Un perro en el grabado de Durero titulado El caballero, la muerte y el demonio", editado por Media Vaca con texto de Marco Deveni, presentes na mostra.

Hipnotopía recolle así mesmo varios exemplos do Max cartelista realizados para diferentes festivais de todo tipo, como o de jazz de Mallorca, ilustracións para a prestixiosa The New York Book Review ou ara Babelia e, como non, debuxos pertencentes ás súas últimas obras como artista de cómic, como os de "O prolongado sono do señor T" (Premio ao Mellor Guión no Salón do Cómic de Barcelona ) ou o seu famoso personaxe Bardín el Superrealista.

Amais, a exposición conta con exemplos dun dos traballos máis curiosos de Max, de carácter singular no noso país no que a difusión da filosofía en España se refire: as ilustracións da colección "Filosofía para profanos", de Tàndem Edicions, unha serie de libros nos que a profesora de filosofía Maite Larrauri introduce o lector nos aspectos básicos dos máis importantes filósofos do noso tempo, como Simone Weil, Friedrich Nietzsche ou Gilles Deleuze. Unha mostra máis da capacidade de Max para traducir en imaxes o universo que nos rodea e a percepción deste, xa sexa consciente ou subconsciente.

Do Peter Pank a hoxe

Entre finais dos 70 e comezos dos 80 produciuse un momento histórico para o cómic en España, tanto polo seu nivel de desenvolvemento no ámbito nacional e internacional como polo número de autores e de revistas especializadas existentes no mercado, como Cimoc, Rambla, ou Totem, unha das primeiras revistas de cómics da Transición. Non obstante, sería a través da revista El Víbora, de Ediciones La Cúpula, onde se daría a coñecer un dos máis famosos personaxes de Max, Peter Pank, un personaxe inspirado no Peter Pan de Disney, máis do que no de J.M. Barrie, en cuxo mundo os nenos perdidos son punkies que consumen anfetaminas, os malvados piratas son rockers, etc.

Xunto a outros personaxes como Makoki de Gallardo e Mediavilla, a obra de Max enmarcaríase dentro do underground español, máis coñecido como "liña chunga". Tras publicar unha serie de álbums dedicados a Peter Pank, o traballo de Max evolucionaría até se enmarcar dentro do que se coñece como "liña clara", un estilo que xa non abandonaría. Dende entón, e durante o resto dos 90, continuará realizando traballos sen un personaxe fixo, para finalmente dedicarse, case por completo, á ilustración (se ben nunca deixaría de todo o cómic).

No 95 publica a revista Nosotros Somos Los Muertos, coeditada con Pere Joan, a raíz da indignación que suscitaron neles o conflito dos Balcáns e a pasividade da opinión pública e da sociedade en xeral ao respecto. A revista tivo uns comezos difíciles debido á negativa por parte de varias editoriais de publicala, o que non impediu que o primeiro número aparecese como fanzine no Salón do Cómic de Barcelona. Contou con colaboracións estelares, coma a de Art Spiegelman ou David Mazzucchelli, e mesmo Lewis Trondheim. Tras a edición do número 15, a revista desapareu, pero Max e Pere Joan colaboraron aínda na editorial Inrevés onde verían a luz coleccións como Mediomuerto e Bueno & Raro.

Hoxe en día, Max é un dos ilustradores españois máis importantes a nivel internacional. Os seus traballos inclúen libros para adultos e público infantil, revistas, carteis, portadas de discos... E mesmo portadas para a prestixiosa The New Yorker Magazine. En 1997 concedéuselle o Premio Nacional de Ilustración do Libro Infantil e Xuvenil, e en 2007 o I Premio Nacional de Cómic.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río