Tiña dúbidas sobre se escribir unha opinión referente ao Hino de España, ou de si facelo sobre o odio ao galego do que algúns fachendean diante do proceso de elaboración dunha Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística no Concello da Coruña. Mesmo pensei en facelo sobre as próximas eleccións xerais. E non podo. Só me veñen á cabeza lembranzas persoais e o preguntarme polo estado de varias familias que hoxe quedaron destrozadas.
Hoxe, 15 de Xaneiro, tivemos noticia dunha nova traxedia no mar. Un barco de Ribeira, o “Cordero”, con oito tripulantes, naufragaba ao norte de Cabo Prior. Tres pudieron salvarse. O resto, enfin. Vaia comezo de 2008 rexistra o noso mar! E ao que xa non estou disposto é a tolerar é esa política da resignación (“o mar é así”, “que se lle vai facer”, “agora hai que chorar”,…) que só conduce á inactividade e a manter a actual e escandalosa situación que conduce a que Galiza siga a ser o país do Estado español e da Unión Europea coa maior taxa de sinistralidade, tamén mortal, no mar. Pois non, non é natural todo o que está a pasar, nin se pode interiorizar como normal.
Hai moito ainda por facer e por reivindicar na pesca galega en materia de seguranza e salvamento marítimo. Para comezar, a aplicación real da normativa existente, e moi nomeadamente, da relativa ás “condicións metereolóxicas previsíbeis”. Mais tamén para que neses despachos de Madrid (SASEMAR e Dirección Xeral da Mariña Mercante) se inteiren, dunha puta vez, da inadaptación brutal de moitos dos seus preceptos á realidade e á singularidade do noso litoral e do sector pesqueiro galego. Chaleques salvavidas, balsas, coeficientes redutores da idade de xubilación, inspeccións, melloras sociolaborais, radiocomunicacións marítimas, formación, medios de salvamento, son algúns dos ámbitos nos que hai que incidir. E con competencias propias aquí, na Galiza, para decidir nós sobre o noso litoral, en función das nosas necesidades. E o resto é pura propaganda. Xa está ben: isto non é o Mar Mediterráneo!