Redacción . O presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), Vítor Fernández, xunto co director do Museo do Mar de Galicia, Pablo Carrera, presentou o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrara entre os días 9 e 12 de xullo en Muros.
Estes encontros bianuais teñen por obxecto poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo celébranse dende 1993 estes encontros. Nesta edición a organización prevé unha acollida de máis de 150 embarcacións cuns 700 tripulantes e a organización de numerosos actos culturais e de lecer para todos os públicos. O evento está organizado pola FGCMF, as asociacións Mar de Muros e Canle de Lira e o Museo do Mar de Galicia. Conta co patrocinio da Fundación Deporte Galego, o Xacobeo 2010, a dirección xeral de Comercio da consellería de Economía e Industria, a consellería do Mar, a Deputación de A Coruña, o Museo do Mar de Galicia e o concello de Muros. Actividades en mar e terra As actividades, que se realizarán no mar e en terra firme, están dirixidas a todo tipo de públicos e idades. No mar, aproveitaranse as condicións que ofrece a ría de Muros e Noia para o desenvolvemento de actividades de navegación, manobras e regatas. Durante os dous primeiros días do Encontro terán lugar unhas Xornadas técnicas na Casa da Cultura de Muros, dirixidas polo Museo do Mar de Galicia. Centradas nos ecomuseos, irán orientadas á potenciación do patrimonio marítimo e natural e a espertar o incremento dun turismo activo baseado nesa riqueza patrimonial da ría de Muros e da Costa da Morte. Tamén se organizarán diferentes obradoiros de navegación, gastronómicos, de artesanía e de carpintería de ribeira. Ademais, exporanse multitude de mostras achegadas polas asociacións foráneas invitadas (Portugal, Catalunya, Francia, País Vasco), polo Museo do Mar e polas distintas asociacións da FGCMF e da AGALCARI (Asociación Galega de Carpinteria de Ribeira). Nos encontros poderase disfrutar da música, con bandas como Rock da bisbarra, Doommsday Clok, Trapos sucios, Som Do Galpom, Trío Vahamonde, Lamas e Romeu, Suso de Siornes, Treixadura ou Quempallou, entre outros. Tamén haberá tempo para o teatro, con actuacións de Pistacatro, Picompé ou Vos Quinquilláns; para o cine, onde proxectarán A mariñeira, De profundis, Krebinskis e Santa Liberdade; e a literatura a cargo de Eva Veiga e o trío Ouriol. Por outra banda, haberá unha ampla oferta gastronómica baseada en produtos mariñeiros propios da zona e unha feira de artesanía vinculada ao mundo mariñeiro, coordinada pola Asociación Galega de Artesanía (AGA). Ademais, aproveitando o fermoso enclave de Muros e arredores, tamén haberá tempo para a paisaxe e o urbanismo, con diferentes itinerarios a pé. Finalmente, os máis pequenos poderán gozar de xogos e enredos infantís.
Embarcacións en Brest
Descargar Tarifas