PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Asinarán un documento común
A comunidade educativa, contra a consulta aos pais

Redacción .  Os sindicatos dos centros públicos e privados –CIG, CC OO, UGT, STEG, CSIF–, Nova Escola Galega, ASPG, Asociación de Directores e Directivos de IES, Coordinadora de Equipos de Normalización, Comités e a Mesa pola Normalización Lingüística asinarán un documento contra a consulta que a Consellaría de Educación lles enviou aos pais e nais sobre o emprego da lingua no ensino.

Reloxo 10.06.2009 | 07:08

Crianzas nunha actividade exterior Crianzas nunha actividade exterior. AGN

A comunidade educativa redactou un documento conxunto no que rexeita a consulta sobre a lingua no ensino. Os sindicatos dos centros públicos e privados –CIG, CC OO, UGT, STEG, CSIF–, Nova Escola Galega, ASPG, Asociación de Directores e Directivos de IES, Coordinadora de Equipos de Normalización, Comités e a Mesa pola Normalización Lingüística subliñan que a consulta foi “deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal”.

O decreto

Ademais de lembrar que o Plan Xeral de Normalización Lingüística “é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo”, fai fincapé en que a legalidade do decreto que regula o uso e promoción da lingua no eido da educación “foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza”.

Tamén consideran que “o obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50 por cento das materias impartidas en galego”. “Coa enquisa que se envía ao centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta en galego ou todo en galego.  Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50 por cento– xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.

Todo en galego

O documento engade dous puntos que polo de agora foron acordados pola CIG, a Mesa, STEG, ASPG, Nova Escola Galega, Asociación de Directores e Directivos de IES, os Comités e a Coordinadora de Equipos de Normalización de Ferrol.

“Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significa, por tanto, que queremos todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera”, recolle o escrito.

Máis apartados na enquisa

Por último, a CIG, a Mesa, STEG, ASPG, Nova Escola Galega, Asociación de Directores e Directivos de IES, os Comités e a Coordinadora de Equipos de Normalización de Ferrol subliñan a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes ás seguintes:

-Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.

- Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.

- Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río