Redacción . O Ministerio de Sanidade e Política Social ultima a modificación do Real Decreto que regula a etiquetaxe dos produtos de tabaco para obrigar á industria tabaqueira a introducir nos paquetes imaxes sobre os efectos nocivos para a saúde deste produto, tales como fotos de pulmóns cancerosos, tumores de colo, dentaduras danadas ou pel envellecida.
A titular do departamento, Trinidad Jiménez, anunciou recentemente que a norma estará lista antes do verán e, segundo informaron fontes do ministerio, as imaxes “disuasorias” do hábito tabáquico serán escollidas dun catálogo de ilustracións que aprobou a Comisión Europea en maio de 2006 para unificar os criterios nas advertencias. A CE ofrece fotos dunha dentadura deteriorada e das lesións externas e internas que pode provocar na boca algunhas substancias presentes no fume, como benceno, nitrosaminas, formaldehído e cianuro de hidróxeno: ou imaxes de intervencións cirúrxicas para explicar que fumar obstrúe as arterias e provoca cardiopatías e accidentes cardiovasculares. A tramitación do Real Decreto que permita a inclusión destas imaxes acostuma a ser rápido plo que en poucos meses se poderían ver en todos os paquetes de tabaco. O obxectivo, segundo a ministra, é que existan “pictogramas que disuadan á persoa que o reciba e que sexa consciente de que o tabaco mata e produce danos irreversíbeis na saúde”. Bélxica, Reino Unido e Romanía xa as levan Polo momento, Bélxica, Romanía e Reino Unido xa dispoñen nas súas caixas de tabaco de mensaxes e fotos similares ás que pretende incluír España, mentres que outros países da UE como Finlandia, Letonia, Francia, República Checa, Malta e Irlanda tamén están interesados nesta materia. Fóra de Europa as caixas de tabaco de Canadá, Brasil, Singapur, Tailandia, Venezuela, Xordania, Australia, Uruguai, Panamá, Chile, Hong Kong, Nova Zelandia, Exipto, India, Brunei, Taiwán, Malasia, Perú, Yibuti e Suíza levan imaxes similares.
Descargar Tarifas