
O raposo e o galo
Unha vez un raposo foi ás galiñas e colleu un galo. Despois non o soltaba, e díxolle o galo:
—E xea, Pedro?
—Deixa xear –contestou o raposo, e como abriu a boca, o galo escapou.
(David. Contoullo a súa avoa Azucena)
Gassal e Aicha
Érase unha vez unha muller que tiña unha filla e estaba embarazada dun neno. O marido separouse dela. A muller e a filla foron a unha fonte e alí deu a luz. Era a fonte dos animais. Cando viña o búfalo, a nena subiuse a unha árbore, pero a nai non puido escapar e o búfalo matouna. O neno botouse a andar ese mesmo día. A nena colleu un pau e marcharon os dous andando. Cando levaban unha hora andando decatáronse de que deixaran as pulseiras de ouro da nai na fonte. O neno dixo que ía por elas. A irmá díxolle que non, que esa fonte era só para os animais. O neno insistiu e a irmá tivo que deixalo ir, pero recomendándolle que non bebese. Pero como o neno tiña moita sede, bebeu da fonte. Nada máis beber, converteuse nun cabritiño.
Volveu onde a irmá e entregoulle as pulseiras. Despois de andar un bo cacho chegaron ata o palacio dun rei.
O Rei díxolle á nena que podía casar con el e ser unha raíña. E casaron, pero o Rei tiña outras dúas mulleres que lle tiñan rabia a Aicha. Así que cando esta lles foi limpar a gaiola dos leóns, as dúas raíñas encerrárona con eles e dixéronlle ao Rei que marchara. Pasou o tempo e Aicha tivo xemelgos.
O Rei, ao ver que o cabrito quedara só, quixo comelo. Cando xa o ía matar, Aicha conseguiu saltar a cancela, presentouse ante o Rei e contoullo todo. O Rei púxose moi contento porque coas outras nunca tivera fillos e separouse delas.
(Soufian e Mohamed El Hidam. Contóullelo a súa nai, Naima. Os nenos falan en perfecto galego)
Os cinco cabritos
Unha cabra foi abandonada polo seu amo no monte e alí pariu cinco cabritos. Fíxolles unha casa con porta. Un día saíu buscarlles comida e díxolles que non abrisen a ninguén, só a ela.
O lobo sabía que a cabra marchara, foi para a casa dos cabritos e díxolles que abrisen. Pero eles dixéronlle que era o lobo porque non tiña a voz igual que a nai cabra.
Máis tarde o lobo foi xunto a unha avespa para lle pedir que lle prestase a súa voz. E prestoulla.
O lobo volveu para a casa dos cabritos e desta vez abríronlle porque a súa voz parecíase á da cabra. O cabrito máis novo sabía que non era a súa nai e escondeuse detrás da porta. O lobo comeu os catro cabritos e ao pequeno non porque non o viu.
Cando chegou a nai cabra o pequeno contoullo todo. Entón a cabra foi buscar o lobo e atopouno durmindo a sesta. Abriulle a barriga e colleu os cabritiños. Despois encheulle a barriga de coios e deixouno durmindo tranquilo.
(Soufian. Contoullo a súa nai Naima).
Descargar Tarifas