PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
BLOG XABIER CID
Xabier
Cid
Xornalista
ELECCIÓNS EUROPEAS 2009
John pide (tamén) a dimisión de Brown
De onde John, a golpe de literatura clásica, clama a prol dunha convocatoria de eleccións e onde, ao mesmo tempo, recoñece que non se vai producir. Tamén onde fai unha avaliación dos demais resultados das eleccións europeas no Reino Unido.
 08.06.2009 | 11:54

Nick Griffin, líder do BNP Nick Griffin, líder do BNP

Nada de pintas. John quere quedar canto antes pra falar das eleccións e di de almorzarmos. Pero non terá ninguén máis a quen romperlle a cabeza? Cedo e vou, máis pola morcilla e as salchichas fritidas do que por aguantar unha fonda conversa sobre a crise do laborismo, que certamente non teño a cabeza pra iso.

Cando chego á cafetería vexo ao vello John de pé, cun brazo en alto, berrando: “ata cando vas, Gordon Brown, abusar da nosa paciencia?”. Penso no Partido Romano, un grupo friqui que se presentou a estas eleccións sen nin sequera montar un blog, e sacou 5.000 votos, pero logo penso nas morcillas, que é o importante, e sento con el. “E logo, John, tan terrible foi a derrota laborista?”. “Foino máis. Un 16% e terceira forza do país... Iso non pasou nunca na historia. Dende que se fundou o laborismo como partido estable, nos anos vinte, nunca antes caera por baixo do 20% dos votos nunhas eleccións en todo o Reino. Nunca antes fora terceira forza política...”.

—Home, John, segunda forza segue sendo... Os que quedaron de segundos, o UKIP, son un partido que case só se presenta ás europeas...

O UKIP foi o gran triunfador da noite. E non porque subise de forma importante, senón porque se mantivo. É unha ultradereita bonachona, un partido nacionalista inglés de perfil benhumorado e pavero, populista, e euroscéptico. Só fala dos cartos que segundo eles se perden en Europa, e non tanto de controis migratorios ou políticas relixiosas. O outro partido de ultradereita, o BNP, si que quere un Reino Unido branco e cristián, e non permite a afiliación nin de negros nin de musulmáns: conseguiron dous escanos precisamente no norte de Inglaterra, un dos feudos laboristas.

—Pois os xornais parecen máis preocupados polo ascenso do BNP ca pola derrota laborista, John.

—Son as dúas caras da mesma moeda. Dicían os tertulianos da BBC que foi un voto protesta, pero, diaños, había máis xeitos de protestar. En realidade é a mesma masa votante: persoas de baixo nivel democrático, de clase baixa ou moi baixa, que durante moitos anos votaron acriticamente o laborismo en parte grazas ás súas mensaxes demagóxicas de protección social, e que agora votan, igual de acriticamente, a un partido que desexa a expulsión dos musulmáns da illa.

Creo que John esaxera un pouco, pero aritmeticamente é verdade. Todos os escanos que perden os laboristas van parar á ultradereita, agás un, que vai para os conservadores. “Pero mira —pregúntolle— os demais partidos grandes non subiron moito ou nada... por que queres que Gordon Brown dimita?”.

—Eu non quero que dimita: eu quero que convoque eleccións. E precisamente por iso: os outros partidos non demostraron ter demasiada forza, e unhas eleccións xerais neste momento darían unha cámara dos Comúns con bastante equilibrio, quizais incluso sen maiorías.  Pero non, desgrazadamente non vai pasar. Agárdanos un ano máis de intrigas e crise económica ata que chegue Cameron como unha nova Thatcher. E ti, que tal os teus?

Bueno, os meus daquela maneira. Ao final votei polos Verdes, que subiron moito (+2.5) en todas partes e non conseguiron ningún escano máis, tampouco o de Escocia. Pero en Escocia é difícil que se movan os escanos, porque só reparten seis. Os nacionalistas, que gañaron por primeira vez en Escocia nunhas eleccións que non eran escocesas, pasaron dun 19% a un 29%, e tampouco acadaron o terceiro. Pero dos nacionalistas escoceses se queres falamos outro día, que agora o que quero é almorzar, paréceche?

 
Resultados
Participación: 34.82% (un 2.8% menos)

Conservadores:  27.7%. 25 escanos (+1)
UKIP (euroescépticos): 16.5%. 13 escanos (+1)
Laboristas: 15.7%. 13 escanos (-5)
Liberais Demócratas: 13.7%. 11 escanos (+1)
Verdes: 8.6%. 2 escanos
BNP (ultradereita): 6.2%. 2 escanos (+2)
SNP (nacionalistas escoceses): 2.1%. 2 escanos
Plaid (nacionalistas galeses): 0.9%. 1 escano.

En Irlanda do Norte o sistema non é proporcional. Foron elixidos un eurodeputado de cada unha destas formacións: Sinn Féin, DUP (unionistas) e UCUNF (unionistas moderados e conservadores). A vitoria foi, por primeira vez, para o Sinn Féin. 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río