Europa Press . A Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG) rexeita a consulta sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galiza que promove a Xunta porque considera que só ‘busca xustificar medidas regresivas que xa ten programadas de antemán contra o galego’.
Nun comunicado de prensa, a AS-PG considera a proposta da Consellaría de Educación "ilexítima, perversa e enganosa". Ademais, descualifica o titular deste departamento, Xesús Vázquez, porque, ao seu parecer, "está obsesionado coa persecución do galego" e ten "como único obxectivo satisfacer os seus propios caprichos de odio persoal" ao idioma. Para a asociación, a iniciativa diríxese "contra o dereito irrenunciábel de coñecer o idioma propio", ben “extensivo a todos os galegos" e que, segundo destaca, "garante" as competencias necesarias para que "posteriormente se poida utilizar". "Os dereitos non poden someterse a consulta", asevera, tras o que argumenta que o que trata o Executivo de Alberte Núñez Feixóo é "lexitimar a posición duns poucos, aínda que poidan ser varios milleiros". "Sen garantías" Así mesmo, asegura que a demanda afecta "ao conxunto da sociedade" e "non exclusivamente aos pais e nais que en xuño de 2009 teñen fillos e fillas no sistema educativo". Xa que logo, incide en que "o dereito á escolarización e os obxectivos que debe buscar a educación e vehicularización da educación en galego son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade". Por outra banda, destaca que na medida que presentou o venres a Xunta de Galicia "nin sequera existen garantías plenas de participación", polo que "non se trata dunha proposta de participación democrática", xa que "non estabelece ningún tipo de control". Nesta liña, engade que o sistema que a Administración pretende utilizar "non ten ningunha garantía de que finalmente se coñezan os resultados reais", así que insiste en que nunca se saberá se as preguntas as cubriron os pais, as nais ou os propios alumnos". "A Consellaría de Educación busca premeditadamente a confusión", critica, para recriminarlle a súa "tendenciosidade" na procura "dunha determinada conclusión", que concreta en que se deixe de impartir en galego" as materias que estabelece como de ensino obrigatorio o Decreto de 2007 e o Plan Xeral de Normalización de 2004. "Tendenciosa" Por todo iso, o colectivo de socio-pedagogos censura o "despropósito" do Goberno galego, e reitera que ten por obxectivo "chegar a unha conclusión tendenciosa que non é outra que non respectar a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, incumprir a Lei de Normalización Lingüística e o Estatuto de Autonomía". "Derrogar un decreto é unha potestade do Goberno -sinala-, pero facelo con prepotencia en base a consultas enganosas é unha actitude de desprezo propia de modelos despóticos", conclúe o comunicado, polo que expresa o seu rexeitamento á consulta "tanto no método, como no contido".
Estudantes nunha aula.
Descargar Tarifas