PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Que non inclúa porcentaxes de cada idioma
Xesús Vázquez quere un decreto para '16 anos'

Europa Press O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, avoga por un novo decreto que regule o uso do galego con capacidade de permanecer en vigor ‘16 anos’ e que sexa o suficientemente aberto como para ‘non limitar’ ou ‘impedir’ que o seu departamento ‘poida dar pasos dentro de dous ou tres anos’ cara un modelo trilingüe. Ademais, acusa o goberno do bipartito de 'danar o galego'.

Reloxo 07.06.2009 | 14:14

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez. Pepe Ferrín/AGN

Nunha entrevista concedida a Europa Press, Vázquez Abad asegura que a nova norma, que substituirá o actual decreto que estabelece un mínimo do 50 por cento de materias en galego, ten que posibilitar que se poidan adoptar "medidas na liña do trilingüismo".

"Dicir un 70 por cento -de materias- en galego ou en castelán, ou tres horas só en galego, é estar pechando portas", explica o responsábel de Educación, para aclarar que a lexislación lingüística ten que ir da man dunha "sociedade que avanza e evoluciona". "Non se lle pode prohibir -á cidadanía- que evolucione cara unha sociedade máis xusta, máis cohesionada e máis integrada nunha contorna global onde haxa a necesidade de aprender idiomas", defende.

Por este contexto "global", Vázquez lexitima o proceso de consulta aos pais sobre o idioma nas aulas, que finalizará o 19 de xuño, e será "decisivo e o punto de partida" para a elaboración da nova norma. "Eu son galego, vivo en España, son español e vivo nunha Europa cada vez máis global, que vai máis aló, e os pais de hoxe van demostrar unha coherencia que non tivo o bigoberno", resolve.

Por iso, ante as críticas de diferentes sectores sobre o papel “decisivo” que lles concede a Xunta aos proxenitores nos contidos do decreto, considera que se está "xulgando mal os pais" xa que, na súa opinión, "van demostrar unha racionalidade e un saber de absoluta importancia".

Ademais, critica que "nestes tres anos e medio pasados" -durante o goberno de PSdeG e BNG- se aplicaron "medios impositivos terríbeis" e "non se actuou pedagoxicamente", xa que "a pesar de que o galego se ía incrementando paulatinamente" no sistema educativo, "todo o mundo ten moi claro que foi a menos" e reducíronse os galego-falantes. "Algo fallou", alertou tras xulgar que “se lle fixo dano ao galego porque se provocou un rexeitamento nos nenos".

A fin das galescolas

Así mesmo, anuncia que a Xunta prevé "transformar" e "integrar" as escolas infantís, onde se inclúen as 'galescolas', nun proxecto "ambicioso" que permita un nivel de educación "de calidade" entre 0 e 6 anos.

"Este goberno non vai propoñer un simple cambio de nome, está falando, vaise reunir, ten unha comisión con nomes e apelidos practicamente pechada para deseñar un modelo de escola infantil, que vai máis aló dos nomes e estará adaptado ao currículo infantil" -aprobado no último Consello da Xunta-, sinala.

Deste xeito, as 'galescolas' pasarán "no seu momento" a depender de Educación "do mesmo xeito que o resto de escolas infantís" dentro dun armazón que será unha "única estrutura" para intentar "que dea pé a algo coherente", aínda que admite que a duración do traspaso levará tempo.

En relación ás prazas, asegura que "todo o mundo ten dereito" a elas, pero que a súa dispoñibilidade "dependerá dos recursos" económicos. A pesar diso, promete que estas prazas estarán aseguradas para "aquela xente que non ten recursos".

Sen plan de financiamento universitario

Sobre a demanda constante dos reitores das universidades para que se acelere o estudo dun novo Plan de Financiamento do sistema universitario -o actual acaba no ano 2010-, Vázquez Abad recoñece que 2009 "é un mal momento para empezar a falar e a pór unha proposta encima da mesa".

"Non é momento de incrementos salariais, nin de pintado de fachadas, e haberá que racionalizar e priorizar", sentenciou para facer un chamamento á "responsabilidade" das universidades sobre o control do gasto.

Por iso, aínda que admite que este ano se podería empezar a falar", aprazou o desenvolvemento do plan galego á aprobación do plan estatal por parte do Ministerio de Educación, "porque vai outorgar unha certa coherencia a todo o sistema" e permitirá sentar a base para redactar o marco financeiro autonómico.

"Algunha solución haberá que pór e esa non pasa porque a consellería volva pór 10, 20 ou 30 millóns por encima do anterior plan, xa que esa situación, se é a única, estamos mal, porque negociar supón que cada parte cede para chegar a un entendemento e o que non poden facer é imporme", critica en alusión ás reclamacións dos reitores das universidades galegas.

No entanto, asegura "entender" que cada reitor "queira máis" para as súas universidade e ironizou con que el tamén quere "a praia en Ourense" -onde naceu- e que "sexa a mellor cidade do mundo". "Eu teño que escoitar ao reitor de Vigo porque ninguén mellor que el coñece a súa universidade e claro que esa opinión é importantísima, pero tamén teño que escoitar á Coruña ou Santiago. Casemos agora este matrimonio", recomenda o titular de Educación, quen subliña que "a quen lle toca gobernar e decidir é á consellaría".

Por iso, sobre unha posíbel "deficiencia" na adaptación ao sistema Bolonia por mor de non dispor dun novo plan de financiamento, avoga por crear unha "oferta atractiva" para "manter alumnos" en Galicia. "Intentamos que se favorecese a todas as universidades e grazas á decisión da consellaría de converter en graos as diplomaturas en Ciencias Empresariais beneficiáronse as catro provincias", exemplifica.

Oposicións no 2010

Doutra banda, sobre a posibilidade de convocar as oposicións de Secundaria en 2010, o conselleiro de Educación avanza que "a priori, si", pero que no seu momento "haberá que analizar datos" como son a dispoñibilidade de prazas, e afirma que esta terá que "negociarse na mesa de sindicatos".

Admite que este ano "era un clamor" pospor a convocatoria ante unha situación "con moi poucas prazas", até o punto de que "unha maioría" de xente remitiu queixas ao Executivo galego "pedindo que se aprazasen".

Separación por sexos como 'alternativa'

Sobre a orde que deixou asinada o bipartito en funcións que eliminaba os concertos educativos a varios centros por separar o alumnado en función do seu sexo, Vázquez afirma que "está na Asesoría Xurídica" e que, unha vez se pronuncie este organismo, terán "que tomar unha decisión".

"O que si quero deixar claro é que as actuacións da anterior orde non foron correctas" lamenta, ademais de considerar que houbo "irregularidades" no devandito proceso.

Finalmente, sobre a súa postura respecto dos centros que separan o alumnado por sexo, Vázquez Abad considera que se trata "dunha alternativa" en base a "unha legalidade" e lembra que "a Unesco e o Ministerio de Educación" así o determinan. "Os pais teñen liberdade para elixir centros? Si. O sistema permite concertos? Si. Existen tribunais para quen non lle guste esa decisión? Si. É básica a liberdade dos pais", argumenta.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río