Redacción . A xornalista Rosa Aneiros, colaboradora de A Nosa Terra, gañou o Premio Xerais de Novela 2009 pola súa obra ‘Sol de Inverno’ e o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil por ‘Ás de bolboreta’. ‘Mil cousas poden pasar. Libro I’, do vigués Xacobe Fernández Serrano, acadou o Merlín de Literatura Infantil.
Rosa Aneiros foi a gran protagonista da festa literaria que Xerais celebrou este sábado na illa de San Simón. A xornalista de Valdoviño subiu a recoller dous galardóns: o Premio Xerais de Novela e o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. O Xerais de Novela 2009, dotado con 25.000 euros, foi para a súa obra ‘Sol de Inverno’ que, segundo o xurado, “debuxa o periplo vital dunha fascinante personaxe que, dende os trece anos que ten ao comezo do libro, se move baixo o motor da paixón”. A historia fala da crueldade da guerra, do exilio, da revolución castrista e mesmo do maio do 68, pero sobre todo da rebeldía dos seus protagonistas na defensa dos ideais e da xustiza. Segundo explicou a propia autora, no momento de recibir o galardón, “nesta novela quixen recuperar a memoria da miña propia infancia”. Rosa Aneiros asegura que a protagonista, Inverno, “é un personaxe completo que loita polos seus ideais, máis tamén polos ideais de outros, que sinte tan perto como os propios”. Os membros do xurado desta XXVI edición consideran que o texto, “de profunda introspección nos protagonistas e no deseño dos ambientes, constrúe un mundo simbólico, máximo, riquísimo en referentes, a través do que pululan seres entrañables, que nos conmoven, e tamén persoas reais, como Castelao, Carme Muñoz ou Rafael Dieste”. 'Ás de bolboreta' O Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009, dotado con 10.000 euros, tamén foi para unha obra de Rosa Aneiros: ‘Ás de bolboreta’. Nesta novela crúzanse historias humanas diferentes que, no seu conxunto, conforman unha radiografía da sociedade urbana actual: globalizada, interconectada e diversa. Na súa xustificación, o xurado salienta que “tratando temas nada compracentes, como o terrorismo, a intolerancia, a soidade ou a violencia contra as mulleres, a novela flúe e conmove os lectores/as grazas á combinación de diálogos áxiles e frescos con pasaxes fondamente líricas”. Premio Merlín O segundo protagonista da xornada foi Xacobe Fernández Serrano que acadou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2009 por ‘Mil Cousas poden pasar. Libro I’. O xurado do galardón, dotado con 10.000 euros, valorou o traballo deste autor vigués que, “baixo a premisa da liberdade absoluta, proponlle ao lector un xogo no que calquera cousa pode acontecer”. Nestas páxinas, "o surrealismo é o normal e o absurdo convértese no lóxico". Construído como unha cadea de dominó, onde unha ficha derruba á seguinte, a historia desborda imaxinación. Ademais, o xurado salienta o novidoso do argumento, a inédita e variada galería de personaxes, a solidez do mundo que se constrúe, a orixinal estrutura, o risco de levar o absurdo ao extremo, a beleza plástica dalgunhas descricións e o metafórico de moitas pasaxes argumentais.
Rosa Aneiros e Xacobe Fernández Serrano.
1 / 3
Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles A Nosa Terra, ademais do programa “Un día por diante” da Radio Galega.
En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (Xerais, 2003, oito edicións dende a súa publicación), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), o volume recompilatorio de artigos literarios Agardando as lagarteiras (culturagalega.org, 2003) e Veu visitarme o mar (Xerais, 2004).
Ten publicados relatos nos volumes colectivos Narradoras (Xerais, 2000); Relatos (1999), Relatos gañadores do Pedrón de Ouro (1998-1999-2000-2001), Seis ferroláns (2003), Alma de beiramar perdida (2003), Botella ao mar (2003) ou Narradio (Xerais, 2003).
Conta no seu haber con recoñecementos como o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), o Premio Arcebispo Juan de San Clemente (2003), o Premio Careón 2006 ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005), ademais do Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego en 2007 polo artigo xornalístico “A última vaca”. Ao pé do abismo (Xerais, 2007) recolle a súa obra xornalística.
Xacobe Fernández Serrano (Vigo 1971) é licenciado en Belas Artes na especialidade de pintura pola Universidade Complutense.
Ilustrador, pintor, debuxante e comiqueiro, como autor de literatura infantil publicou na colección Merlín de Xerais os libros A gardería de dona Bixelmina (2005) e A pedra e as formigas (2006).
Iniciouse na ilustración de libros de literatura infantil en Xerais con "As aventuras de Nunavut" de Xoán Abeleira: O nacemento de Nunavut (2003), Un día de caza (2003), Sedna, a deusa do mar (2004) e O caribú namorado (2005); ao que seguiron outros traballos para diversas editoriais Tres contos marabillosos de Vicente Risco, Vacas na cidade de An Alfaya, O Home que plantaba árbores de Jean Giono, El televisor mágico de Braulio Llamero (Algar), ou a colección Pimpín por aquí non vin.
Ademais de traballos de ilustración de libros de texto, dicionarios, guías de natureza, carteis ou ilustracións para televisión, é autor da serie de banda deseñada “Os amigos de Archimboldo Roque”, publicada na revista Golfiño (2000 a 2004) e recollida no volume homónimo publicado por Faktoría K (2008).
Tras realizar esta personaxe converteuse en colaborador da publicación periódica Dos Veces Breve, así como da segunda época da revista BD Banda, na que desenvolve a serie titulada “Animais pantasma”.
Co álbum de cómic Aventuras de Cacauequi (2007), obtivo o premio Castelao da Deputación da Coruña de Banda Deseñada, e a nominación ao Premio Expocómic 2008 de Madrid e do Salón do Cómic de Barcelona, no apartado de autor español revelación.
Mantén abertos dous blogs, onde publica adiantos das súas ilustracións e traballos:
-http://jacobofernandezserrano.blogspot.com/
-http://osamigosdearchimboldoroque.blogspot.com/
Descargar Tarifas