Manuel Vilas . A primeira máquina espacial do país terá un tamaño e un peso similar ao dun cartón de leite. Con todo, Galicia xógase co pioneiro Xatcobeo a posibilidade de participar a miúdo na carreira espacial.
Tal responsabilidade cae sobre as costas de Fernando Aguado, da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións (ETSET) da Universidade de Vigo. Nin Aguado nin os outros 14 profesores do programa cobran un peso máis por construír este picosatélite. A súa recompensa –ademais de menos horas lectivas– é outra: dirixir o entusiasmo de 40 estudantes dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense que deseñan o Xatcobeo. “A noite de Fin de Ano había xente a traballar”, gábase o director do programa, que destaca que “hai moitos que seguen até as cinco ou seis de mañá todos os días, incluídas as fins de semana”. Outro profesor, Fernando Isasi, responsábel das comunicacións do satélite, descrebe o mesmo entusiasmo entre os estudiantes. “Este proxecto supón unha gran vantaxe para a miña relación cos alumnos, para eles é fantástico. Aquí estamos para que aprendan e teñan máis opcións de atopar un traballo, e estar nun proxecto como este, con tanta resonancia, vale moito nun curriculum”, sinala dende un pequeno taller ateigado de microcircuítos. Porque o Xatcobeo é unico no mundo? O que diferencia o Xatcobeo do resto de picosatélites do Planeta é o seu método de fabricación. Non se trata unicamente de que sexan mozos universitarios os que estean a deseñalo, senón tamén de que por vez primeira un picosatélite deberá superar as especificacións propias dos seus 'irmáns maiores'. “Estamos a desenvolver o Xatcobeo cos estándares de calidade que emprega a Axencia Europea do Espacio (ESA) para todos os seus satélites máis grandes”, salienta Fernando Aguado sobre este protocolo “único no mundo”. Galicia pode entrar na carreira espacial Por iso, se todo sae ben, Galicia terá opcións reais contratos para construír trebellos maiores e outros satélites de reducidas dimensións. “Agora mesmo, entidades como a NASA van comezar a empregar estes picosatélites a nivel comercial e tamén científico, para medir o cambio climático ou controlar desastres naturais”, explica Fernando Aguado. O enxeñeiro tamén apunta ao control de terremotos, tsunamis ou bancos de pesca como algunha das inminentes aplicacións destas máquinas de tamaño tan miúdas. “Imos facer todo o posíbel porque este sexa o primeiro dunha serie de proxectos”, insiste o profesor.
Recreación en 3D do aspecto do Xatcobeo, o primeiro satélite galego
1 / 5
Malia que co Xatcobeo Galicia entra “na primeira división mundial neste tipo de satélites”, para poder aspirar a lanzar novas máquinas no futuro cómpre que o Estado siga a financiar aOS expertos da Universidade de Vigo. E é que Madrid aporta 600.000 do millón de euros do custe total. O operador público galego Retegal con 300.000 e a Universidade con 100.000 euros pagan o resto.
Un 'maná' de diñeiro que a ETSET xa está a investir en construír instalacións punteiras. Por exemplo, a chamada 'cámara limpa', lugar completamente esterilizado onde se montarán os equipos de voo. Gastáronse 35.000 euros en evitar que a máis pequena partícula de lixo chegue ao espacio, onde pode inutilizar o satélite.
Aínda máis futurista e cara é a 'cámara necoica'. Preto do millón de euros serve para, entre outros obxectivos, simular o baldeiro do espacio. As paredes absorben moitas das radiacións, polo que así os científicos poden probar con gran precisión como se propagarán as sinais que guiarán o Xatcobeo e enviarán os seus datos de volta á Terra.
O Xatcobeo será un trebello pequeno – Aguado explica que é “máis ou menos do tamaño dun tetrabrick de leite, pero de forma cúbica, como un caldeiro, de dez centímetros”– pero con sistemas tecnolóxicos igualiños aos de calquera satélite comercial maior. Isto obriga aos científicos galegos a matinar longas horas até dar co xeito de aforrar un miligramo.
“Temos problemas aos que nunca nos enfrontamos noutros proxectos, como o consumo ou o volume, que neste caso son absolutamente primordiais, de igual modo que o peso”, confesa Isasi. Con todo, o esforzo xa comeza a dar resultados. Por exemplo, xa están deseñadas as antenas. Pesarán uns ridículos 17 gramos, incluíndo un novo mecanismo para despregalas nunca antes usado nun satélite.
Outra tecnoloxía que estreará a máquina galega sera o tipo de as telecomunicacións, pois por vez primeira nun picosatélite serán por completo reconfigurábeis dende a Terra. Este control farase dende a propia facultade do Campus de Lagoas-Marcosende, no pico da serra que domina o sur da Ría de Vigo.
A misión do Xatcobeo non é comercial, senón puramente científica. Como o trebello do país estreará unha nova órbita, entre 300 e 1.440 quilómetros de altura, o principal obxectivo é elaborar un mapa da radiación electromagnética a esta altura.
Unha distancia tal que a temperatura cae até os menos vinte grados centígrados. Por iso estará pintado por completo de negro, evitando deste xeito a máis mínima perda de enerxía. “O satélite non poderá ningún logotipo ou a bandeira de Galicia”, láiase o director do proxecto.
Único programa do Estado seleccionado pola ESA en 2008, o primeiro paso da carreira espacial galega estaba prevista para 2009. A Axencia atrasou o despegue do seu novo transbordador Vega, próximo substituto do modelo Ariane. Finalmente Vega erguerase levando no seu ventre ao Xatcobeo a finais de 2010 dende Kourou, a base aeroespacial da Güiana Francesa –unha das últimas colonias europeas no Caribe, entre Brasil e Surinam–.
Iso si, Aguado non descarta que a ESA adíe de novo o despegue de Vega. Pase o que pase, Galicia xa estará lista. “Nós temos todo o proxecto planificado para rematalo ao final deste ano”, presume o profesor. De feito, a ensamblaxe final comezará en poucos meses, despois deste verán.
“Cando era pequeno soñaba con isto”
Preguntado se lle compensa aturar a presión de participar na construción dunha máquina tan relevante para Galicia, o profesor Fernando Isasi argumenta que “somos enxeñeiros, este é o noso traballo, resolver problemas”. Exposto á mesma cuestión, o director do programa Fernando Aguado recoñece que “é un desafío inmenso, moitas veces, como o resto do grupo, traballo noite e día”.
Mais sarna con gusto non pica e o científico asume o danos colaterais do “proxecto máis imporante da miña vida”. Como bo home de Ciencia, non é quen de ocultar a súa paixón polo progreso.
“Cando de pequeno e quería ser enxeñeiro, a miña meta era poder traballar en cousas do espacio; afortunadamente hoxe en Galicia temos hoxe un proxecto líder no mundo, cunha tecnoloxía e metodoloxía tan boa como a de calquera outro lugar”, confesa Aguado cun sorriso de orella a orella.
Descargar Tarifas