Fernando Pérez-Barreiro é membro do Consello Reitor do IGADI (www.igadi.org)
Nos deseños imperiais de Portugal, estaba destinada Angola a ocupar todo o largo leste-oeste do centro do continente africano, nunha faixa que habería de darlle duplo litoral, o que aínda ten no Atlántico e o do que é hoxe Mozambique no Índico. Unha faixa continua de lingua portuguesa entre Sudáfrica e o resto do continente.
Non durou moito ese sono, tronzado por outro máis forte: o de Cecil Rhodes, que trazaba unha liña norte-sur do Imperio Británico. Sendo Rhodes gobernador en África do Sur, creáronse as dúas Rhodesias que, para esquecer o seu nome de orixe, chámanse hoxe Zambia e Zimbabwe.
Desde a independencia, en 1975, Angola viviu unha guerra civil aínda non ben concluída e aínda moi presente no dano das infraestruturas do país. Dúas forzas desa guerra explícanse moi ben no contexto da Guerra Fría. Son o MPLA e a FNLA, cuxos apoios foron moi flutuantes naquel período. A maior parte do tempo, a Unión Soviética apoiaba o MPLA, baseado na capital, Luanda, e Occidente a FNLA, radicado na poboación dos bakongo, aínda que as alianzas mudaron e non faltou apoio soviético aos bakongo, asentados nas principais rexións petroleiras. A terceira forza, a UNITA, é a máis singular e a que máis ten que ver co tema de hoxe. Na UNITA estivo sempre interesada a República Sudafricana, por parecerlle a mellor garantía de protección do extremo sur do continente contra o comunismo.
Asasinado o líder da UNITA, Jonas Savimbi, en 2002, e xa reducida moito antes a resistencia da FNLA, o goberno do MPLA en Luanda, sobrevivente desa longa e tráxica loita, puido comezar a recuperarse internamente e a situarse na escena internacional da África de hoxe. Ten aínda que asegurarse da lealdade das rexións que simpatizaron cos seus rivais. Iso non é labor illado do internacional, porque mentres existan eses redutos dubidosos, poden ser explotados por países veciños. Angola conta cunhas sólidas forzas armadas, moi atentas a ameazas dese tipo.
Petróleo e diamantes
A posición xeostratéxica de Angola é moi favorábel para o comercio das dúas grandes riquezas do seu territorio: os diamantes e o petróleo. O petróleo é, con moita diferenza, a primeira desas riquezas. A costa atlántica de Angola ofrece saída sen estrangulamentos dese produto ao mercado mundial e, a diferenza de Nixeria, non existen no país rebeldes que creen trastornos.
A cuestión da multipolaridade do mundo ou, máis exactamente, a do reparto das hexemonías, volve poñer a África no fito dos aspirantes a esas hexemonías. A China arriscou moito nos tratados con Nixeria, hai agora un ano, para o desenvolvemento de xacementos nese país. Non hai que esquecer que o seu grande investimento no petróleo do Sudán é aínda máis problemático que este de Nixeria. Rusia non esqueceu de todo as súas relacións con Angola e mantén alí actividade de intelixencia moi intensa e moi dirixida ás explotacións diamantíferas.
Nese marco hai que ver a visita que fixo este maio que acaba de rematar o ministro de Relacións Exteriores de Angola, Assunção dos Anjos, a Washington, onde conversou con Hillary Clinton e asinou co representante para o Comercio, Ronald Kirk, un Acordo Xeral de Comercio e Investimentos, importantísimo polo que avisa das relacións entre os dous países.
Talvez esteamos vendo o trazado dos perfís dunha rede de Estados sub-hexemónicos no Sur de África. En todo o caso, está aberto o xogo dos intereses das grandes potencias, e Angola sitúase na primeira liña dese xogo, no que o principal parceiro e contrincante ao mesmo tempo é a República Sudafricana. Eses dous países teñen que manter una relación moi delicada que lles permita vixiarse de perto en materia de petróleo e diamantes. O presidente Jacob Zuma non demorará en visitar Angola, e Luanda necesita tecnoloxía diamantífera sudafricana, pois a súa técnica nesas actividades é moi primitiva aínda.