Manuel Vilas
.
Unha consulta aos pais, sen garantías mínimas de fiabilidade, será 'o punto de partida' para derrogar o decreto que promociona o galego no ensino.
O Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, presentou o cuestionario que enviará a 330.000 familias a partir da próxima semana. Fíxoo nunha rolda de prensa na que se negou a contestar gran parte das preguntas da prensa.
Os nenos levaranos a casa dende o venres
O cuestionario comezará a repartirse aos cativos nas escolas a partir do próximo venres. Son voluntarios e anónimos, polo que nada impide aos rapaces enchelos eles mesmos e entregarllos ao profesor.
Sen garantías de fiabilidade
Non é o único buraco da fiabilidade da consulta, pois toda a responsabilidade de custodiar os sobres e garantir que non se falsean recae nos equipos directivos dos centros. O reconto farao a propia Consellería de Educación, sen control externo.
Hai catro modelos de cuestionarios –todos eles bilingües– para FP, Secundaria, Primaria e Infantil. Con todo, as preguntas clave son basicamente as mesmas.
Escala idiomática
Os pais poderán marcar que idioma prefiren para os libros de texto e a lingua das clases. Farano nunha escala de “todos en galego, a maioría en galego, uns en galego, outros en castelán; a maioría en castelán e todos en castelán”. Case o mesmo para os exames, onde poderán riscar galego, castelán e indistintamente.
Unicamente en Primaria se lles pregunta pola “lingua na que aprendeu a falar” o rapaz ou a rapaza. Nos catro modelos hai unha pregunta sobre se están a prol das clases en inglés.
O silencio de quen non ten argumentos sólidos
"Cal é o nivel mínimo de participación para que o resultado sexa vinculante? Como garantirá a Xunta que os directores non cambian os sobres remitidos polos país? Se a maioría dos pais pide libros unicamente en castelán, vaise tamén ter en conta esta opinión? Como votarán os pais invidentes?". Estas son só algunhas das preguntas que Vázquez non soubo responder ou contestou con evasivas.
O conselleiro, en ton autoritario, advertiulle aos xornalistas que non contestaría outras cuestións que non fosen sobre o polémico cuestionario. Vázquez pediulle aos medios que non alimenten a polémica e axuden a explicar a súa iniciativa. Un “punto de partida” para o consenso e contra a “conflitividade” suscitada polo bipartito.
“Información secreta”
Ao seo carón estaba Anxo Lorenzo, o secretario de Política Lingüística. Sae nas fotos pero a penas falou durante a hora que durou a rolda de prensa, mais que puntualizar que o resultado vai ser “fundamental” para o novo Decreto.
Un texto que substituirá ao vixente, que apoian a práctica totalidade de asociacións de pais e sindicatos de ensino. Preguntado se, nas súas reunións con estes colectivos, os pais e os profesores se mostraran a prol ou en contra do envío das preguntas, Vázquez contestou que era "información secreta”.
Até o 19 de xuño para devolvelos
O prazo para entregar os cuestionarios cumplimentados aos centros remata o 19 de xuño. Educación insiste en que serán a base do novo Decreto, do que asegura aínda non ten un borrador. O custo da enquisa supera os 180.000 euros.
Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida Charina Giráldez Río