M. V . O presidente xustifica a retirada de 'Caixa Negra' por mor da crise do agro. Tamén insiste en que Xóvenes Agricultores así o solicitou, algo que o Sindicato nega oficialmente.
Feixóo xustifica a retirada do documental sobre as vacas tolas
“Razoábel” pero, en todo caso, “discutíbel”. Así cualifica o presidente da Xunta a censura do documental sobre as vacas tolas, retirada catro horas antes da súa emisión pola nova dirección da TVG, nomeada polo Executivo do PP. Feixóo tivo que facer malabarismos hoxe ante a prensa para desvincularse do incidente. Primeiro comprometeu que a nova dirección do ente ten “liberdade para facer o que estime oportuno” e que a Xunta non vai interferir en que documentais se emiten. O mandatario tentaba deixar claro así que a decisión de censurar a emisión do programa 'Caixa Negra', no que se abordaba a xestión da crise polo goberno de Manuel Fraga, non veu de San Caetano Iso si, a continuación deu o seu apoio á retirada do programa utilizando dous argumentos poucos sólidos. Xóvenes Agricultores non pediu a retirada Así, citou que “un sindicato agrario” pedira que non se emitira. O certo é que Xóvenes Agricultores, o colectivo do rural próximo ao PP, desmentiu oficialmente que realizara tal petición, malia que algún o seu líder, Francisco Bello, si aplaudiu a decisión a posteriori. Ademais, Feixóo xustificou a retirada por mor da “crise” que viven os gandeiros, o mesmo argumento empregado pola dirección da TVG nunha nota emitida onte. “A explicación que deu a TVG é razoábel, pero en todo caso discutíbel”, dixo o presidente na rolda de prensa tras o Consello. Contar a verdade, dependendo do caso? O certo é que a retirada do programa choca de fronte co argumento clave esgrimido polo político conservador na mesma rolda de prensa. Así, na súa intervención Feixóo aludiu unha e outra vez a que “cómpre contar a realidade aínda que sexa dura” para xustificar os recortes orzamentarios do plan de austeridade aprobado esta mañá en Santiago.
Descargar Tarifas