Redacción . Un total de 180 relatorios e 170 expertos acoden a Galiza dende todo o Estado para coñecer as últimas novidades en I+d+i do sector do viño.
O primeiro relatorio do congreso chegou da man de José D. Posada, presidente de Marrón Glace.
Científicos e empresarios do ámbito da enoloxía e a viticultura reúnense dende o mércores e até o venres na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense para falar do presente e futuro deste sector no X Congreso Nacional de Investigación Enolóxica. Ao longo destes tres días desenvolveranse as sesións nas que se analizarán os horizontes da enoloxía e a transferencia tecnolóxica e achegaranse as últimas novidades científicas no eido, entre outros temas.
No acto inaugural que se celebrou onte, tanto Elena Falqué como Carmelo García, ambos coordinadores das xornadas, coincidiron en sinalar o éxito do congreso, “contamos con máis de 180 comunicacións de temáticas diversas e 170 persoas inscritas”, dixo Falque segundo recolle a web da Universidade.
Na súa opinión estas cifras amosan “a consolidación dun congreso que mellora o coñecemento científico e facilita a colaboración empresarial”. Pola súa banda, García apuntou que Ourense “é unha contorna ideal para a celebración deste congreso, xa que conta con moitas denominacións de orixe, ademais é un referente dende o punto de vista da calidade do produto”.
Para Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo, este congreso é moi importante, xa que “as ciencias e as tecnoloxías agroalimentarias constitúen unha aposta estratéxica básica para esta Universidade en termos de I+D”.
Por último, engadiu o reitor, este campus xoga “un papel moi importante porque ten como obxectivo convertese nunha referencia de I+D nese eido”.
Descargar Tarifas