Europa Press . O portavoz parlamentario de Pesca do BNG, Bieito Lobeira, tachou de 'falso' que a ampliación das tripulacións de salvamento marítimo das bases de Vigo e Celeiro poida suplir a presenza dun helicóptero con base na Costa da Morte, ao asegurar que o desprazamento dunha aeronave desde a cidade olívica –'Pesca 1'– ou A Coruña –'Helimer Galicia', dependente do Ministerio de Fomento– restaralle 'inmediatez' á resposta e 'autonomía' durante ao rescate.
Rescate de Salvamento Marítimo.
En declaracións a Europa Press, o deputado nacionalista insistiu en que o traxecto comprendido entre Vigo e A Coruña até a Costa da Morte fará "que se perdan uns minutos preciosos nunha urxencia" e que a aeronave verá reducido o tempo de permanencia no lugar por ese desprazamento a causa do consumo de combustíbel.
Así mesmo, sinalou que Vigo disporá desde a próxima semana dunha tripulación con presenza fixa na súa base, tal e como acordara o Goberno bipartito, e que a da Coruña "xa a ten" –depende de Fomento–, mentres que falta a de Celeiro.
"A presenza física dunha tripulación de refresco en Celeiro suporía o 5 por cento dos fondos destinados a adquirir o helicóptero –que custaría 4 millóns de euros", incidiu. "O resto desaparece e non vai dirixido a seguridade e salvamento marítimo", agregou.
Prioridades da Consellaría de Mar
Neste sentido, Lobeira sospeita de que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, ten "outra prioridade", que vinculou á súa vontade de buscar fondos para subvencionar a redución da flota –Cepesca, a patronal do sector, propuxo o despezamento de 46 buques de altura e gran altura de Galiza–.
"A presenza na Costa da Morte incrementaría a súa seguridade", reiterou, tras apuntar que esta zona do litoral galego é a "máis desprotexida", a pesar de que conta cunhas 500 embarcacións cunha base que se atopa nalgunha das súas poboacións. Nas proximidades do Corredor de Fisterra pasan 42.000 buques ao ano, "uns 115 ao día".
Lobeira considerou que a única xustificación desta "decisión unilateral" –criticou que non se debatese no Parlamento galego nin se consultase ao sector– é o compromiso da conselleira de "cumprir de forma obediente e submisa os criterios da UE de redución de flota".
“Non di a verdade”
Pola súa banda, a portavoz parlamentaria do PSdeG, Marisol Soneira, considerou que a conselleira do Mar "non di a verdade" respecto dos tempos de resposta, ao soster que os "tempos de espera en 10 minutos, 24 horas todo o día, todos os días do ano, xa son efectivos na base de Vigo grazas ás obras e ás decisións acometidas polo anterior Goberno".
Así, recomendou a Quintana que lea o Diario Oficial de Galiza (DOG) de xuño do ano pasado e recordou que en outubro do 2008 foi asinado o contrato de concesión administrativa e do terreo, que en decembro se asinou o acta de entrega dos terreos á Xunta e na primeira semana de marzo deste ano iniciáronse as obras.
Descargar Tarifas