Europa Press . A CRTVG asegurou que a decisión de cancelar o programa 'Caixa Negra' –no que estaba previsto emitir unha reportaxe sobre a crise das vacas tolas– responde a razóns 'de responsabilidade social', aínda que o comité interempresas do ente público ve nesta actuación 'unha violación da independencia informativa'.
Instalacións da TVG en San Marcos
A través dun comunicado, a Compañía indicou que este programa volverá emitirse o vindeiro martes no seu horario habitual. "A serie continuará con normalidade", recolle a nota informativa, aínda que a CRTVG non aclarou se incluirá o documental sobre a crise das vacas tolas.
Fronte á versión da CRTVG, o comité interempresas denunciou que a cancelación da reportaxe constitúe "un atentado" contra a liberdade de expresión e de información que protexe "o libre exercicio" da profesión xornalística así como o dereito da cidadanía a ter acceso a unha información "veraz, relevante, sen consignas nin censuras previas".
Así mesmo, mostrouse moi crítico coas declaracións realizadas pola directora da TVG, Rosa Vilas, ao diario 'El País', nas que xustificaba a decisión de cancelar o documental para "non molestar" o sector gandeiro e non transmitir a idea "dunha Galiza negra", a pesar de que a propia directora "admite que non viu o programa".
"Cancelar un programa, a catro horas da súa emisión e cedendo a presións externas é o peor exemplo da xestión ética e imparcial dun medio", asegurou o comité interempresas e instou o PP a "cumprir" a súa promesa de reformar a lei que regula a CRTVG para garantir a "liberdade e independencia" dos medios públicos galegos.
Valoración sindical
A pesar de que o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, asegurou que o programa se retirou "a petición dun sindicato", as tres centrais agrarias galegas –Unións Agrarias (UU AA), Xóvenes Agricultores (XX AA) e Sindicato Labrego Galego (SLG)– negaron hoxe solicitar a retirada do documental sobre o impacto do mal das vacas tolas en Galiza.
No entanto, XX A. si agradeceu "a posteriori" esta decisión á directora da CRTVG, Rosa Vilas, a través dunha carta, por considerar que pode "prexudicar" un sector que xa atravesa unha "importante crise".
En declaracións a Europa Press, o secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, insistiu en que a súa organización enviou o escrito "despois" de coñecer a retirada do documental esta mañá, mentres lía o diario 'El País'.
Así mesmo, descartou ter idea en días anteriores da intención da TVG de emitir o documental. "Se empezase a ter ese poder –para chamar e retirar unha emisión–, entón é que comezaría a ser moi importante", ironizou, tras admitir a súa "sorpresa" pola atribución desta solicitude.
"Non cremos que se deba censurar ningunha información", engadiu, para advertir, no entanto, de que a actual situación dos produtores de vacún e leite é "crítica". "Calquera cuestión que poida engadir máis crise non achega nada novo e si pode facer moito dano", indicou.
“Furto á cidadanía”
Pola súa banda, Unións Agrarias lamentou que se lle furte" á cidadanía galega a posibilidade de "coñecer en profundidade" e "co repouso de pasar case dez anos" da crise das vacas tolas. Así, cualificou de "incomprensíbel" que non se poña "en primeiro plano informativo" para coñecer as causas desa situación e evitar que se repita no futuro.
Nesta liña, asegurou non verlles "sentido" ás declaracións do presidente da Xunta sobre a supresión do programa ao soster que os gandeiros "son os primeiros interesados en que se coñeza a verdade dos feitos". A organización tamén asegurou descoñecer que tivese "competencias" na "definición dos contidos" da TVG "emite ou censura".
O Sindicato Labrego Galego tamén condenou esta actuación e a súa secretaria xeral, Carme Freire, esixiulle ao presidente galego "que diga que organización agraria foi" a que pediu a retirada do documental. O SLG defendeu o dereito a ter información deste tipo de cuestións e advertiu de que poden derivar en máis "ocultacións" con asuntos similares que se dean no futuro.
Descargar Tarifas