Unha das primicias poéticas do Brasil do século XIX débese a António Gonçalves Dias (Caxias, Maranhão, 1823-1864). Toda unha vida apaixonada e, tamén, truncada. Fillo dun comerciante portugués establecido no Estado do Maranhão e dunha india cafusa, aos seis anos de idade o sei pai abandonou a súa mai e fuxiu co neno para terras de Trás-os-Montes, en Portugal. Regresou de novo ao Brasil. Unha vida cercada de tránsitos e conmocións. Estudou Dereito en Coimbra e exerceu de etnógrafo, profesor. Foi un poeta singular que introduciu na lingua portuguesa as tradicións do pobo indíxena do Brasil, que el sempre considerou como a verdadeira e lexítima cidadanía orixinal por enriba dos que procedían da inxerencia colonial. A ausencia da mai e ser mestizos levárono a indagar nos costumes populares e nas esencias culturais dos pobos indíxenas do Maranhão.
A poética de Gonçalves Dias revela unha serie de claves autobiográficas e concretase nas preponderancias orixinarias da etnia materna que o levou a memorizar o seu cántico. No seu libro inicial, titulado: Primeiros cantos (1846), detéctase o seu talento lírico que ilumina a súa obra, nesa incontinencia épica que conforma a súa poética indixenista. A evocación do home americano primitivo, no que el conforma as esencias brasileiras, atinxe ao indio brasileiro como elemento indiscutíbel, elenco de universalidade que aparece na poética de Gonçalves Dias dunha maneira singular e evocadora. Nese contido épico, resplandece a personificación vital das vivencias dos nativos. Aquí radica tamén a presenza e a constancia cultural e o respecto ao medio habitábel. Toda unha integración do ser e do vivir nun espazo.
Lendas, mitos e dramas indíxenas son a constancia na que se destaca a riqueza desa cultura que seus antepasados souberon construír e conducir dunha maneira excelsa. Por tanto, Os cantos que pertencen a súa Poesia Americana, connota a alma brasileira dos indios, como contraposición ao nativismo colonial. O proceso desta distinción reivindicada faise notar no seu libro de maior simbolismo indianista: Os Timbiras (1857), de contundencia épica que veu confirmar a retrospectiva da literatura brasileira virada cara á realidade indixenista. É curioso que nese mesmo ano, a nivel de prosa, se publique a novela O guaraní, de José Alencar, un dos grande vultos da literatura brasileira e un dos iniciadores do chamado indianismo. Algunha vez o destacaremos nesta nosa columna.
Alén de Os Timbiras, a literatura indixenista de Gonçalves Dias está representada nos poemas: “I-Juca-Pirama”, “Marabá”, “Leito de Folhas Verdes”, “Canto do Piaga”, “Canto do Tamoio” e “Canto do Guerreiro”. Todo un longo inventario que constata a presenza indianista na literatura lusófona.
Descargar Tarifas