James ten unha furgoneta branca con todo o que unha furgoneta branca dun instalador de cociñas debe ter: un xornal sensacionalista, un termo pró café e uns lestóns de madeira que entran na cabina dende a parte de atrás. James guía, e ao meu lado vai o vello John Moore en modo invisible.
Pregúntolle a James qué tal o partido. Refírome á final de Copa de Escocia desputada a véspera e onde o ferrolán Nacho Novo (Rangers) lle meteu o gol da vitoria ao porteiro cambrés Dani Mallo (Falkirk).
—Bah, non vin o partido! Son moi malos!— di James, que é do Barça pechado.
—Eu dicíacho por Nacho Novo. Non viches o golazo?
—Nacho Novo é moi malo tamén. Xoga na liga escocesa porque non pode xogar na española— respóndeme.
Quedo remoendo niso, e xa despois, cando baixamos da furgo e vou con John tomarlle unha pinta a soas, coméntoo con el.
—Quen lle dera ao Deportivo ter un dianteiro como Nacho Novo —dígolle a John, por non pensar no Celta, ai!, que me vai mal—. Os Rangers son un bo equipo europeo. Das últimas dez tempadas xogaron oito na Champions, e na pasada metéronse na final da UEFA.
—Non sei se serán bos, pero xuntaron ben de xente nas bancadas.
51.000 espectadores que pagaron por ver un de Ferrol e a outro de Cambre, case o dobre dos que entran en Riazor, e nun país onde o fútbol non é o único deporte de masas. Pero o caso é que algo de razón James si que leva. Se Nacho Novo fose tan bo xogador, os xornais galegos falarían algo del. E pouco ou nada contaban nese día da Copa de Escocia, aínda que falasen do que facía un tenista mallorquín en oitavos de Roland Garros.
—E ti de que equipo es, dos Celtic ou dos Rangers?— pregúntame John, que é o único que sabe de fútbol escocés.
—Pois creo que de ningún. E tampouco do Falkirk. O que máis simpático me parece é o Kilmarnock, onde xoga David Fernández.
—Outro galego? Han de sobrar nos equipos de Galicia...
—Non ha de ser diso. O caso é que o ano que vén haberá varios galegos xogando en competicións europeas. Na Champions estarán Diego López (Vilarreal), Nacho Novo (Rangers) e con sorte Iago Falque (Juventus). Na UEFA xogará Dani Mallo (Falkirk). No Deportivo, que non se meteu nin na UEFA, só xogaba un galego.
Descargar Tarifas