Europa Press . A responsábel de políticas de Medio Ambiente e Medio Mariño do PSdeG, Carme Gallego, censurou hoxe a Xunta por paralizar o concurso para a adquisición dun helicóptero de salvamento, que tería a súa localización en Cee, e preguntouse que fará o Goberno autonómico cos máis de 13 millóns de euros orzados para este medio.
A tripulación do Pesca I cara un rescate.
En rolda de prensa, Galelgo denunciou que este helicóptero pasaría a ser propiedade da Xunta e "completaría a rede de medios" para a seguridade no mar, xunto co Pesca 1 e o Pesca 2, situados en Vigo e Celeiro, respectivamente. A eles, súmaselle o Helimer Galicia, propiedade do Ministerio de Fomento.
"Con este cuarto helicóptero completariamos o mapa de salvamento", lamentou a deputada socialista, tras o que se preguntou "onde van ir a parar os máis de 13 millóns de euros" que estaban destinados.
Ao mesmo tempo, avisou a Xunta de que "non pode pór como escusa" que os demais helicóptero funcionarán 24 horas ao día, porque "xa o facían" e explicou que o bipartito –do que ela foi conselleira de Pesca– dispuxo ao helicóptero de Vigo dun tempo de resposta de 10 minutos as 24 horas do día.
Carmen Gallego tamén fixo fincapé en que contaba cos "encomios" do sector e os "terreos" do Concello de Cee, así como coas "bendicións" de aviación civil do Ministerio de Fomento.
Por todo, reproboulle á Consellaría do Mar “que lle quite á sociedade un elemento de seguridade", sobre todo, tendo en conta a "alta sinistralidade" do sector pesqueiro e nas costas galegas. Ademais, advertiu de que "non poden aludir a buracos, porque non son certos", sentenciou.
Descargar Tarifas