Redacción . Os Estados Unidos e Cuba acordaron renovar as negociacións directas sobre inmigración que foron suspendidas no 2004, no mandato de George W. Bush, e decidiron iniciar discusións sobre servizos de correo entre ambos os países.
Raúl Castro, presidente de Cuba.
Cuba presentou ao Departamento de Estado estadounidense unha nota diplomática accedendo a unha petición realizada por Estados Unidos a semana pasada para renovar as negociacións sobre inmigración, interrompidas durante o mandato do ex presidente George W. Bush. Cuba tamén presentou unha nota accedendo a unha solicitude estadounidense que propón negociar sobre servizos directos de correo, que estiveron suspendidos durante décadas.
Os dous gobernos mantiveron o pasado 28 de abril conversacións informais na sede do Departamento de Estado en Washington. Uns días antes a nova Administración estadounidense levantou as restricións de viaxes de familiares e envíos de remesas a Cuba .
Esta man tendida de Washington cara á Habana foi respondida por Raúl Castro cunha predisposición a "falar de todos os temas", coas liñas vermellas marcadas "na soberanía" e "no sistema político e social" vixente na illa.
Descargar Tarifas