Non é que queira invadir o campo temático da miña compañeira de blog Dulce Suevia, mais o título, veredes, venlle moi fino ao post.
Despois de dez anos de investigación, estas son as conclusións do informe de 2.500 páxinas sobre os estupros producidos pola igrexa católica en Irlanda:
1-Non se dará a coñecer os nomes dos estupradores.
2-O estado irlandés será quen se faga cargo das indemnizacións coas que tratarán de tapar a boca das vítimas, gracias a un vantaxoso acordo asinado en 2002 entre a igrexa católica dos violadores e o goberno de Dublín. O estado pagará 1.200 millóns de euros e a igrexa só 128 millóns.
“As testemuñas informan que foron sexualmente asaltados en moitos lugares, incluíndo dormitorios, cuartos de persoal, gardarroupas, igrexas, sacristías, aulas, lugares de traballo, cociñas, enfermerías, duchas, lavabos, alpendres exteriores, dependencias agrícolas, en campo aberto, áreas de recreo, vehículos a motor, casas privadas, locais comerciais e outras localizacións”,
explica o texto do relatorio.
Durante os anos destas violacións masivas, Rouco Varela e seus seguidores sacaron a milleiros de fieis á rúa para defender a familia e para que os estudantes continuasen a recibir, exclusivamente, adoutrinamento católico, opóndose á implantación da materia de Cidadanía. E continuaron a recibir ríos de diñeiro dos impostos que pago eu para promover manifestacións e aquelarres que obrigasen ás mulleres a apandar cos embarazos, quixesen ou non, e para que non se usase o condón nin ningún outro método anticonceptivo. Gústalles máis facelo a pelo e os seus delicados membros non soportan as gomas cando penetran.
Xa agora, temos un aniversario: o Cristo-Rei de Almada, ao outro lado do Río Tejo, fronte a Lisboa, está a conmemorar o 50 cabodano. Para darlle relevo ao evento, a xerarquía católica lusitana organizou unha visita da estatua da Virxe de Fátima a Lisboa (a auténtica estatua, non ningunha das “estatuas peregrinas” -ou sexa, falsas-, que empregan para atender ás peticións de empréstito).
A ponte está a rebentar, as persoas non saben xa por onde pasar para non perderse esta ocasión histórica.
Pola televisión aclaran que “grazas ao Cristo Rei, Portugal non entrou na II Guerra Mundial”. Boa información, non cabe dúbida.
Calculan que acudan polo menos 250 mil persoas, mais a organización agarda que veñan “moitos máis, tendo en conta que a afluencia foi de meio millón de fieis ás rúas de Lisboa na última vez que a imaxe de Nossa Senhora de Fátima estivo na capital”.
Supoño que virá tamén dona Marina, da que conta o cronista que “Marina tivo xa o seu milagre. Aconteceu polo camiño, xusto cando máis se precisan os milagres: cando estaba a piques da desesperanza. Era o segundo día de camiño a pe até Fátima, desde que saíra de Porto, o pasado xoves. A hernia discal estáballe a imposibilitar a peregrinaxe. No restaurante, onde parara con un grupo a comer, cavilaba que chegara xa o momento de desistir e non conseguiu conter o choro. “Un señor, que non coñezo de lado ningún, fíxome unha masaxe nas costas. Estaba tan trastornada que nin o vin aproximarse. Díxome que lle collera o rosario e comezou a falarme do meu fillo (e sen coñecerme de nada). Dixo que eu iría conseguir, que a
Nossa Senhora falaría comigo.
A partir de aí, resucitei”.
Ben por ela. E ben tamén polo Vaticano, pois “O Vaticano tiña un plan, durante a Segunda Guerra Mundial, para que os responsábeis da Santa Sede se mudasen para Portugal caso Hitler concretase a ameaza de raptar o Papa Pío XII, segundo o Daily Telegraph”.
O papa salvouse pois “parece claro que a man materna foi quen guiou a traxectoria da bala, permitindo ao agonizante papa que se detivese ás portas da morte”, segundo Sodano. En agradecemento, Woyjtila dooulle á virxe a bala asasina durante a súa terceira visita ao santuario, en 2000. Por iniciativa do bispo, a bala engarzouse na coroa da imaxe da virxe de Fátima, e aí segue.
Así que as cousas están moi claras, para quen as queira ver. O que pasa é que hai moito integrista que non se cre nada disto. Mágoa dunha boa fogueira!, xa veríamos se acreditaban ou non.