Redacción . O V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009, dotado con 1.200 euros e a publicación nos dez medios de comunicación colaboradores, foi para o artigo 'A nena que berra', da profesora da Universidade da Coruña, sociolingüista, ensaísta e escritora María Pilar García Negro.
María Pilar García Negro.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «GZ Power», do autor lugués Marcos Abalde Covelo. O accésit concédeselle pola capacidade de empatía que o artigo ten co público lector, pola súa fluidez, pola defensa dunha lingua moi viva, útil e válida para todos os contextos sociais, e pola introdución de optimismo discursivo e de toques de humor.
O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, redactora da revista Tempos Novos; Goretti Sanmartín Rei, sociolingüista e directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do concello de Carballo e presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua alega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego promover o emprego do galego na prensa escrita.
Nas catro edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa ou Xesús Fraga.
Os medios de comunicación escrita que colaboran e que publicarán o artigo gañador son: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.
Descargar Tarifas