Redacción . O V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009 recaeu en 'A nena que berra', da profesora da Universidade da Coruña, sociolingüista, ensaísta e escritora María Pilar García Negro.
María Pilar García Negro.
O xurado do V Premio decidiu concederlle o premio, dotado de 1.200 euros, ao artigo A nena que berra, de María Pilar García Negro, que será publicado en A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.
Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á imaxe moi plástica e moi visual que retracta e describe a situación actual de conflito lingüístico entre galego e castelán e á introdución de conceptos interesantes, modernos, novidosos e moi valiosos para a descrición sociolingüística, como “lingua inevitábel” ou “xustiza ecolingüística”, entre outros.
Acto de entrega
O acto de entrega do premio, ao que asistirá a propia autora premiada, María Pilar García Negro, terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo e consistirá nun espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño, un novo formato moderno e innovador para a poesía galega da man das novas tecnoloxías e unha moderna posta en escena achegada á música e ao audiovisual. Terá lugar o 29 de maio ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.
María Pilar García Negro (Lugo, 1953) reside na Coruña. É doutora en Filoloxía e profesora titular da Universidade da Coruña. Como estudosa é experta en literatura e mais en sociolingüística galega. Neste último campo foi autora da primeira tese sobre lexislación lingüística galega, e publicou numerosos artigos e libros básicos na sociolingüística galega como O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991), Sempre en galego (1993), O ensino da língua: Por un cámbio de rumo (1995) ou Direitos lingüísticos e control político (2000). No ámbito político foi, entre outras cousas, deputada polo BNG no Parlamento galego entre 1989 e 2003. No ámbito social foi presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada deste en Galiza entre 1985 e 1990. Na actualidade é directora da Fundación Bautista Álvarez.
Accésit
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «GZ Power», do autor lugués Marcos Abalde Covelo, pola capacidade de empatía que o artigo ten co público lector, pola súa fluidez, pola defensa dunha lingua moi viva, útil e válida para todos os contextos sociais, e pola introdución de optimismo discursivo e de toques de humor.
O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, redactora da revista Tempos Novos; Goretti Sanmartín Rei, sociolingüista e directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo e presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
Anteriores premiados
Nas catro edicións anteriores deste certame foron premiados autores como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa ou Xesús Fraga.
Descargar Tarifas